ELECCIóN DE CANDIDATO DO BNG áS ELECCIóNS GALEGAS

Finaliza o prazo sen que se presente candidatura alternativa a Ana Pontón

A da portavoz nacional é a única petición rexistrada para encabezar a lista do BNG nas eleccións galegas. Está avalada por perto de 900 militantes nacionalistas.

Ana Pontón é a única persoa que se postulou para encabezar a candidatura do BNG nas vindeiras eleccións galegas. Fechado o prazo para presentar candidaturas ás 19:00 horas desta cuarta feira, fontes da fronte confirmaron a Sermos Galiza que a da portavoz nacional foi a única que entrou por rexistro, avalada por 890 militantes. O BNG fixara en 50 avais os necesarios para se presentar, unha cifra reducida para facilitar que quen así desexase, poidese formalizar a súa candidatura.

Desde esta quinta feira, día 21, até o 27 de abril decorrerán por todo o país as asembleas comarcais, citas das que a propia Ana Pontón asegurou que espera que sexan “participativas” e que nas mesmas se dea un “debate vivo”. O 30 de abril procederase á proclamación de Ana Pontón como candidata do BNG á Xunta.

A portavoz nacional e pre-candidata quixo agradecer “a todas as persoas que me alentaron e a todas as que estiveron recollendo avais” ao tempo que destacaba que “o nacionalismo é un proxecto con futuro, e de futuro para Galiza”. Pontón explicou que o proceso de elección de candidata forma parte “da posta a punto da organización para fortalecer o BNG e enfrontar os retos sociais e electorais para ser parte decisiva da derrota do PP e sacar Galiza da ruína que nos deixan tanto Feijóo como Rajoy como as políticas impostas pola UE”.


 

Comentarios