Pensar máis alá desde o confinamento: ‘Corenta ideas para a (pos)pandemia’

No libro, que se pode descargar nesta mesma noticia, Francisco Sampedro,  Iolanda Teixeiro, Fernando Ramallo e Manuel Outeiriño elaboran cadanseu decálogo arredor da súa consideración sobre “en que mundo entramos, ou, en todo caso, a que fase do sistema-mundo actual nos diriximos”.

desescalada coronavirus
photo_camera (Europa Press)

A chegada da pandemia da COVID-19 supuxo a entrada nunhas novas condicións de vida para a inmensa maioría da poboación. O confinamento, segundo se indica no limiar de Corenta ideas para a (pos)pandemia “cómpre encadralo no que consideramos tempos interesantes, isto é, tempos nos  que os  aconteceres,  –incluídos  os reflexivos–, superan a rutina e a cotidianeidade”.

A  este  respecto,  o libro Corenta ideas para a pospandemia é o resultado dunha interpelación a catro persoas ás que se lle pediu que cada quen elaborase un decálogo arredor da súa consideración sobre en que mundo entramos, ou, en todo caso, a que fase do sistema-mundo actual nos diriximos.

Así, este libro recolle eses catro decálogos, cada un co seu título propio, o que supón achegar corenta ideas. Algunha delas son máis xerais e outras máis específicas, pero o conxunto é unha variedade de temáticas e de perspectivas “que poden lerse en conxunto, por separado, de xeito complementario”, todo co obxectivo de propiciar a reflexión “nun momento histórico e, nomeadamente, sobre o presente e o futuro máis inmediato para a humanidade”.

Os traballos incluídos neste volume, que se pode descargar de balde nesta noticia, levan a sinatura do propio Francisco Sampedro (‘Rachar o Black Mirror), Iolanda Teixeiro Rei (‘Decrecemento ou barbarie’), Fernando Ramallo (A minoría de idade como síntoma pandémico’) e Manuel Outeiriño (‘Dez notas sobre a pandemia’).

Comentarios