Do 22 de abril ao 5 de maio

Filmes galegos e lusófonos na Primavera do Cine de Vigo

A sección oficial da oitava edición da Primavera do Cine de Vigo falará galego. Unha decena de longametraxes lusófonas e de Galiza competirán polo premio, a comezar polo impresionante ensaio documental No intenso agora, do brasileiro João Moreira Salles. Este abrirá o certame o vindeiro 1 de maio. Mais desde unha semana antes haberá actividades previas.
 

Fotograma No Intenso Agora, João Moreira Salles
photo_camera Fotograma do filme 'No Intenso Agora', do brasileiro João Moreira Salles. Imaxe: Primavera do Cine.

A primeira, unha mostra de cinema cubano histórico, cuxa primeira proxección será este 22 de abril ás 19.50 horas nos Multicines Norte. O programa dobre inclúe a curta Now!, de Santiago Álvarez, e Soy Cuba, do soviético Mikhail Kalazotov. Seguirán en xornadas sucesivas Lucía de Humberto Solás (23 de abril ás 19.30 horas), Clandestinos de Fernando Pérez (24 de abril ás 20.00 horas) ou Fresa y chocolate, de Tomás Gutiérrez Alea e Juan Carlos Tabio (25 de abril ás 20.00 horas).

Pero é a sección oficial a que agrupa as propostas galego lusófonas. A celebrada Trote, de Xacio Baño; Os fillos da vide, de Ana Domínguez -mellor filme galego na Mostra de Cinema Etnográfico do Museo do Pobo Galego-; Deslembro de Flávia Castro, Extinção de Salomé Lamas ou Gallo, de Antonio Díaz Huerta son algunhas das obras que se poderán ver entre o 30 e o 5 de maio no Auditorio do Concello de Vigo.

Primavera do Cine tamén someterá a concurso catro curtametraxes galegas, catro lusófonas, sete animacións e 19 videoclips. Ademais, levará o “cinema aos barrios”, en concreto ao de Navia -O filme da minha vida, o 26 de abril ás 21.30 na rúa Teixugueiras-, ao Casco Vello -Antes que eu me esqueça, o 27 de abril na Praza do Abanico-, e ao Calvario -No intenso agora-, o 1 de maio na rúa Urzaiz fronte ao Mercado.

Manolo González, “un dos grandes impulsores do audiovisual galego” segundo a organización, recibirá a mención honorífica do certame. Que promove Reencanto Producións co apoio do Concello de Vigo, a Xunta, a Deputación de Pontevedra, o Instituto Camões e Afundación de Abanca.

Comentarios