Opinión

Fillas de nais de pano branco, nais de fillas de pano verde

A historia das loitas das mulleres polo control do seu propio corpo vén de antigo. En todas partes. Malia iso, a cartografía visíbel é aquela que denota que moito máis da metade do mundo aínda está ben lonxe de acadar os seus dereitos. Aquí aínda temos a resaca das movidas contra o intento de Gallardón de mandarnos de novo ás cavernas. O noso Tren da Liberdade e a mobilización nas rúas conseguiron afastar o perigo. As mulleres temos unha especie de maldición co noso corpo. A prostitución, o aborto, a subrogación dos ventres... por non falar dos tópicos que xa coñecemos. Claro que todo iso atopa unha sinxela explicación cando despregamos o mapa do patriarcado. Hai ben pouco falabamos de que na beata Irlanda as mulleres conseguiran mover as estruturas e ter unha lei do aborto axustada ao século XXI, e agora acaba de tocarlle á Arxentina.

As feministas arxentinas veñen de dar unha lección ao mundo na consecución de dereitos. As pibas, como se lles deu en chamar, fixeron tremer a Terra e conseguiron, cun esforzo inxente, que o proxecto de lei de interrupción voluntaria do embarazo acadase media sanción do Poder Lexislativo na Cámara de Deputadas e Deputados. Unha xornada agónica que rematou de madrugada e que, malia o frío imperante, mantivo as pibas ao pé do canón cos seus panos verdes como bandeiras de combate. A discusión no Congreso foi case apocalíptica e, se valeu para algo, ademais de poñernos ao borde do infarto, foi para salientar a ignorancia e a misoxinia dunha parte da clase política arxentina. Un dos momentos cumes tivo lugar cando unha deputada puña ás mulleres no mesmo sitio que as cadelas, con esta frase xa histórica: “¿Qué pasa cuando una perrita queda embarazada? No la llevamos al veterinario a que aborte; lamentamos, pero inmediatamente salimos a buscar a quién regalarle los perritos?” Coido que merece que a deixe en castelán … Ben, esta deputada da UCR (Unión Cívica Radical; Irigoyen e Alfonsín retorcéndose nos seus cadaleitos), non foi nin remotamente a única. Nas rúas, fóra do Congreso da Nación, as rapazas (un millón!), ouveaban e non era para menos.

As feministas arxentinas veñen de dar unha lección ao mundo na consecución de dereitos.

 


Mais botemos unha ollada á historia da loita polos dereitos reprodutivos. En América latina, agás Uruguai, por suposto, e Cuba, por suposto tamén, o aborto é puníbel en todo o resto de países. Por iso é tan importante este avance das mulleres arxentinas, porque tras delas veñen as chilenas, que están moi mobilizadas, e as brasileiras e todas as demais. E iso pon de relevo que as mulleres do mundo somos as que imos mudar precisamente o mundo.

 
Malia que o traballo incansábel das pibas levou á situación actual, a loita polo dereito á interrupción voluntaria do embarazo na Arxentina comezou hai moitísimo tempo. Só por mencionar algúns fitos, houbo xa grupos feministas que esixiron o aborto legal a comezos dos 70; cando a palabra feminismo era deostada a dereita e a esquerda, mentres o goberno peronista, da man do nazi López Rega, prohibía os anticonceptivos. Logo veu a ditadura xenocida, que impuxo coa complicidade da máis alta xerarquía da Igrexa católica, a sangue e lume, os seus principios misóxinos. Nos 90, anos turbios e corruptos de neoliberalismo salvaxe, Menem instituíu o Día do neno por nacer por pedido de Juan Pablo II, e os gobernos posteriores non o quitaron do calendario oficial. Durante os tres gobernos kirchneristas, a loita polo dereito ao aborto retomou impulso da man de campañas nacionais, mais nunca foi tratado polo Congreso. Por iso nós, as fillas das nais de pano branco, rebentamos de orgullo coas nosas fillas de panos verdes. Porque están a loitar por todas e, máis que nada, pola vida de tantas nenas pobres que morren ao ano por mor de abortos clandestinos mal practicados. Rapazas violadas, vítimas do incesto, da trata, da desgraza que rolda a pobreza e a falta de educación. Por iso, que ondulen sempre ceibes eses panos verdes ao vento, porque o futuro é hoxe e o futuro é delas.

Comentarios