Desenvolverase esta fin de semana na contorna do castelo de Moeche

Festival Irmandiño: catro décadas reivindicando a identidade propia

Os fachos volverán irromper no castelo de Moeche esta fin de semana, case seis séculos despois de que os irmandiños o fixeran por vez primeira como protesta contra os abusos do poder feudal. Esta vez, como cada ano desde 1980, farano dun xeito lúdico mais cun obxectivo semellante: a reivindicación dunha identidade propia que se negaba, que se nega, a esmorecer.
551906_276551522450025_89695643_n
photo_camera O castelo antes de ser asaltado na noite do sábado [Imaxe: Festival Irmandiño]

A asociación cultural Irmandiños encárgase da organización dun evento que conta coa colaboración do Concello, da Deputación da Coruña e, tamén, da iniciativa privada. O programa artellado nesta cuadraxésima edición volve combinar música e outras propostas de lecer desde a noite do venres até o domingo. 

A inauguración do festival corre da conta da Requinta da Laxeira, que actuará a partir das 22.00 horas para, deseguido, dar paso a unha repichoca aberta a quen desexe participar. 

O día grande do festival é o sábado. O Castelo abrirase de balde ao público ás once da mañá, iniciativa que se repetirá na xornada do domingo. As persoas que asistan poderán gozar dunha exposición sobre a historia dun dos eventos de música tradicional e folk máis senlleiros de Galiza canda o de Pardiñas. Unha sesión de picadiscos, no campo de Melle, e o xantar darán paso ás actividades da tarde, dirixidas nomeadamente ao público infantil. 

Ás 17.00 horas está previsto o comezo do asalto infantil ao castelo. Nesta ocasión, e como novidade deste ano, haberá tamén un pregón para concienciar á rapazada sobre os feitos que se rememoran. Unha hora máis tarde, ás seis, principiará no capo do festival unha competición de xogos tradicionais como o tiro á corda, o serrado con tronzador ou lanzamento de pacas de herba seca, informa a organización. 

A música volve las 20.30 horas coa actuación dos Carecos e, unha hora máis tarde, de Saraibas, un dos grupos históricos do Irmandiño que xa actuara na primeira edición do festival, en 1980. Ás once, Sés subirá ao escenario para presentar temas do seu último traballo e outros clásicos seus. Será ela quen dea paso á lectura do pregón, a cargo desta volta do poeta local Alfonso Venancio.

Ao remate da lectura chegará un dos momentos máis agardados, o asalto ao castelo, que repetirá unha imaxe icónica do festival modestino, co público entrando na fortaleza cos seus fachos acesos. Huntza e Tecor Societário porán o ramo, xa entrada a madrugada, á xornada do sábado. 

A xornada de clausura comeza ás 13.30 horas coa sesión vermú amenizada polos Feroces da Galgueira ao pé do castelo. Un xantar a prezos populares -catro euros- precederá as últimas actuacións, da man de, novamente, Os Carecos e De Ninghures. 

Historia

O Festival Irmandiño de Moeche rememora, dun xeito lúdico, os acontecementos das revoltas do século XV. Foron dúas, a de 1431, cando o exército de Roi Xordo, a chamada Fusquenlla, se apoderou do castelo na busca de Nuno Freire de Andrade, "O Mao". Aquela primeira revolución, reprimida con dureza, repetiuse anos despois, en 1467. Foi entón cando os Irmandiños derrubaron parte da fortaleza, que posteriormente haberían de reconstruír como castigo.

Comentarios