O festival de Curtas de Bueu fai balanzo: récord con máis de 18.000 asistentes

Unhas 18.400 persoas achegáronse ás proxeccións e actividades da décimo segunda edición do Festival Internacional de Curtametraxes de Bueu entre os pasados 6 e 15 de setembro. A organización fai balanzo: “É unha nova marca que supera en 3.000 asistentes a acadada o ano pasado”.
publico2
photo_camera Público asistente ao Festival Internacional de Curtametraxes de Bueu. Foto: FIC Bueu.

Os promotores do festival atribúen o crecemento ao incremento das proxeccións e, polo tanto, das espectadores. “Se en 2018 se contaron uns 5.000, desta volta foron máis de 6.600, incluíndo nesta cifra 1.500 estudantes dunha decena de centros educativos do Morrazo”. A maiores, case 3.000 persoas participaron nas actividades paralelas, 1.300 nos concertos e o resto en palestras, monólogos, programas de radio ou a ruta de tapas 5 Estrelas.

“Foron nove intensos días en que se programaron 65 actividades, posíbeis grazas ao apoio de institucións, empresas e entidades, entre as que salientan as achegas da Xunta, a Deputación de Pontevedra e o Concello de Bueu”, indica a organización nunha nota de balanzo.

A partir da vindeira semana, o festival “retomará a súa dinámica cos obradoiros cinematográficos na sede da Banda do Río”.

Comentarios