O Festival de Cans atrae as crianzas cun programa especial

As crianzas volven á parroquia para seren protagonistas dunha nova edición do Festival de Cans que inaugura unha programación específica para público infantil. 

.
photo_camera .

Cine, música, xogos tradicionais e gastronomía son algunhas das ofertas que o Festival de Cans inclúe no programa da súa XII edición para o público máis pequeno. Á anterior oferta con zonas habilitadas para as crianzas e a seccións “Cans do futuro” con visitas guiadas, proxeccións e coloquios, o Festival referencia do mundo audiovisual que cada ano se celebra na parroquia de Cans  incorpora propostas no seu programa para que cada vez sexan máis pequenos e pequenas as que fagan seu o que se presenta como unha festa do audiovisual. 

“Espazo do río”, é o nome da nova área infantil pensada para o público familiar, con especial atención ao coñecemento e goce do territorio co río como protagonista. En canto á programación específica, o sábado 23 pola mañá poderase ver o filme “A Tropa de Trapo no Arco da Vella” de Abano Producións para, a seguir, Blanca Cendán e Suso Alonso ofrecer o seu espectáculo Muller Cine. A “Caixiña de Mistos”, iniciativa de Mr. Misto, completará a oferta con curtas de animación e audiovisuais de contido infantil, propostas que se poden combinar con música e xogos tradicionais nunha edición especial tamén para nenas e nenos.

Comentarios