Ourense volve aos anos 20

A festa histórica A Bela Auria fócase no centenario de 'Nós'

O 19 de setembro retorna, malia o coronavirus, a festa histórica A Bela Auria á cidade de Ourense, que desta volta virá tinguida de festival literario en homenaxe ao centenario da revista Nós.
Dúas asistentes con traxes dos anos 20.
photo_camera Dúas asistentes con traxes dos anos 20.

Baixo o lema "Celebremos Nós", o próximo sábado 19 de setembro volve a festa histórica A Bela Auria para recrear o esplendor cultural de Ourense nos anos 20 do século pasado. Xusto no centenario da publicación do primeiro exemplar da revista Nós, o evento vira desta volta con reberetes de festival literario.

Mais "non será outra homenaxe", advirten desde a asociación homónima, senón que pretenden visibilizar aspectos transversais e temáticas que aparecen en Nós: "a infancia, as mulleres que participaron na revista, a sexualidade, a festa, a creatividade ou a música", explica Óscar Penín, director do evento.

Esta edición da festa oriéntase desde unha óptica aberta e integradora, con traducións a lingua de signos, espazo amigábel coas mascotas, ou "música, son e luz sen estridencias".

Aliás, o recinto estase a deseñar desde a sostibilidade, con uso de materiais reciclados e reciclábeis para dar forma a "un universo mítico, máxico e plástico", que acollerá máis dunha ducia de horas de programación recuperando o Ourense clásico, o fervedoiro cultural que era a vida na cidade nos anos 20.

Adaptación á Covid-19

Conscientes das complicacións deste 2020 e ante as medidas impostas pola pandemia, a festa pensouse con actividades descentralizadas, amplitude de espazos, e control de capacidades que permitan manter a seguridade do público en todo momento. "Son moitas horas, hai oco para que todo Ourense atope A Bela Auria este día", afirma a organización.

Coa seguridade sempre por diante, instan deste modo a ir xa remexendo no baúl do faiado, na procura da vella chaqueta, boinas e chapeus, faldras e boas de plumas. As mellores roupas para "modear con estilo" na elegante e lucida cidade de Nós.

Unha década de asociación

A asociación cultural que promove a festa nacía nos primeiros meses de 2010, coa vontade de recuperar aquela cidade á que Otero Pedrayo lle deu o nome da Bela Auria, un título outorgado á "Atenas da Galiza" que "condensa o que calquera ourensán xa sabe: que a súa cidade é bela, e que é de ouro pola súa historia e a súa tradición cultural".

Comentarios