Imprimir

A Festa do Queixo de Arzúa convida a "queixear"

Redacción | 22 de febreiro de 2020

Organizadoras da Festa do Queixo de Arzúa.
Organizadoras da Festa do Queixo de Arzúa.
Celébrase de 28 de febreiro a 1 de marzo

As amantes do queixo xa poden, se aínda non a tiñan, marcar a fin de semana do 28 de febreiro ao 1 de marzo no calendario. Por 45 ano consecutivo, chega a xa tradicional Festa do Queixo de Arzúa. Case 80 expositores, entre os que se contan 55 queixarías, traerán produtos das catro denominacións de orixe galegas, así como de Francia, Italia, Asturias, Baleares, Aragón, León, A Mancha e Estremadura. Do gourmet ao tradicional, haberá catas, obradoiros ou mesmo un concurso de tapas. Agárdase que, seguindo a tendencia de edicións anteriores, preto de 40.000 persoas visiten o recinto feiral Terra do Queixo. 

Máis alá do gastronómico

Para alén do gastronómico, a festa aglutina unha chea de actividades culturais de distinta índole, por exemplo, unha exposición de  carteis con motivo do 45 aniversario. Porén, son os concertos do Festival do Queixo unha das caras máis fortes e visíbeis. Este ano reúnen as actuacións dos históricos Luar na Lubre, o novo talento de MJ Pérez e os rompedores loops de Baiuca, pratos fortes do domingo 1 de marzo, así como outros artistas como Ladilla Rusa, Novedades Carmiña e Tequila. Unha oferta que vén de balde, cun absoluto convite a "queixear".

Entre as novidades de 2020, destacan aquelas pensadas para crianzas, como a cuarta edición do festival Pequequeixo ou un torneo de xadrez. Ademais, as semanas previas van ter lugar distintas actividades arredor do queixo, relacionadas co marketing, a nutrición ou a saúde, que se desenvolven na Escola de Formación Profesional EFA Piñeiral.

Entre os puntos máis curiosos da programación podemos atopar a realización dun "paso de vaca", un acto reivindicativo do rural e das empresas que afondan nel as súas raíces, en colaboración coa Casa de Xanceda. Nesta liña, o pregón corre a cargo de Benedicta Sánchez, co que a organización, segundo declarou o alcalde, José Luís García López, non quixo unicamente valorar os premios que recibiu neste último ano por O que arde, senón "todo o que representa" para o rural.

A organización desvelou tamén a realización dunha ruta, Os camiños do queixo, que aglutina con este elemento como fío condutor un percorrido para coñecer, ademais de degustar, os diferentes concellos do interior.  

Podes ver este artigo na próxima dirección /articulo/cultura/festa-do-queixo-arzua-convida-queixear/20200221160747091891.html


© 2020 Nós Diario