Unha festa para celebrar a música galega

Este domingo a Irmandade da Música Galega ofrece no Teatro Colón da Coruña un percorrido por obras do patrimonio musical galego.

Teatro Colón
photo_camera Teatro Colón da Coruña

Alboradas, muiñeiras, pero tamén zarzuelas ou obras de autor que musican as grandes obras da poética galega. A Irmandade da Música Galega ofrece este domingo na Coruña, a partir das 19.00 horas,  “un serán inesquecíbel”. Unha volta por algunhas obras da música galega, “un corpus artístico de magníficas dimensións que forma unha parte importante do nosos ser, que nos identifica, une e que fai aboiar o mellor de nós”.

O programa inclúe interpretacións a cargo da Coral Sporting Club Casino, o Coro Cantabile, a agrupación Cántigas da Terra, así como da Unidade de Música do Cuartel xeral da Forza loxística operativa do Exército da Terra. “A resposta de solistas e agrupacións ás que se lles pediu a súa colaboración desinteresad, foi entusiasta e unánime”, afirma a Irmandade.

O concerto é o segundo organizado pola Irmandade nesta tempada musical. A organización prepara tamén dous concertos dedicados a recuperar a obra dos músicos Prudencio Piñeiro e Manuel Martí, ademais dunha cita musical para homenaxear as compositoras galegas.

Comentarios