Os críticos ven en perigo a integridade territorial do Reino Unido

Fervenza de demisións no gabinete May polo acordo sobre o Brexit

A escasas horas de a primeira ministra comparecer en Westminster face un Parlamento hostil —oposición laborista e do SNP, profundas divisións no campo tory—, até tres ministros presentaron a súa demisión: Dominicic Raab, responsábel precisamente da carteira do Brexit, ben como Shailesh Vara e Ester McVey, titulares de Irlanda do Norte e Traballo e Pensións, respectivamente. Os mercados tamén disparan contra May, cunha acusada caída da libra esterlina.

may
photo_camera Theresa May, nunha intervención parlamentar

O sector máis duro do Conservaty Party entende que o acordo alcanzado por May con Bruxelas representa unha ameaza para a integridade territorial do Reino Unido ao outorgar un status distinto a Irlanda do Norte na súa relación coa UE.

En realidade, o acordo pasa por manter indefinidadamente o conxunto do Reino Unido nunha Unión Alfandegueira coa UE, aínda que a letra pequena dá a entender que vai existir unha maior conexión dos condados irlandeses do norte, aínda baixa soberanía británcia, coa Europa comunitaria. Os críticos de May e os partidos do Ulster unionistas consideran que estaríamos perante o embrión dunha situación que podería resultar na reunificación a efectos prácticos de Irlanda.

As obxeccións non fican exclusivamente na cuestión irlandesa. Para o ministro do Brexit demisionario, o problema é que o carácter indefinido da unión alfandegueira do Reino Unido coa UE —en teoría o período de transición expira o 31 de decembro de 2020, mais o acordo de May con Bruxelas abre a billa a un aprazamento sine die— poñen en cuestión a soberanía británica. "[O acordo] deixa o Reino Unido a medio camiño, sen límite de tempo, para cando o país se converterá finalmente nun estado soberano", di Raab na carta en que comunica a súa demisión a May, envorcada tamén nas redes sociais.

Comentarios