Ferrol celebrará Carvalho Calero

A Real Academia Galega e o Concello de Ferrol preparan a celebración das Letras Galegas 2020 na cidade natal de Carvalho Calero.
[Imaxe: Moncho Rama] Carvalho Calero
photo_camera [Imaxe: Moncho Rama] Carvalho Calero

O presidente da Real Academia Galega, Víctor F. Freixanes, e o alcalde de Ferrol, Ángel Mato, manteñen conversas con motivo da celebración en 2020 do Día das Letras Galegas dedicado a Ricardo Carvalho Calero.

Víctor F. Freixanes manifestou a intención da institución de que o pleno extraordinario do 17 de maio teña lugar na cidade natal do escritor, filólogo e profesor homenaxeado. Este evento trátase dun acto público que, segundo se confirmou na reunión mantida a pasada segunda feira 9 de decembro, se desenvolverá no teatro Jofre.

Rehabilitar a casa natal

Ambas as partes amosaron a súa disposición favorábel para colaboraren non só neste evento, senón ao longo de todo o vindeiro 2020 na organización de diferentes iniciativas que contribúan a divulgar a figura do profesor Carvalho Calero.

Así mesmo, ambas concordaron na oportunidade que representa a celebración das Letras Galegas para impulsar o proxecto de rehabilitación da casa familiar do homenaxeado no Ferrol Vello. A vivenda é propiedade do Concello desde 2011, mais permanece nun estado ruinoso. A súa rehabilitación implicaría un conxunto de tres edificacións, que corresponden cos números 47, 49 e 51 da rúa San Francisco. 

Outros eventos

O concello natal do investigador prevé abrir o calendario das Letras cunha exposición sobre Carvalho Calero que se inaugurará no Centro Cultural Torrente Ballester por volta de febreiro.

Ese mesmo mes a Real Academia Galega presentará a edición do proxecto para alumnado de infantil e primaria Primavera das Letras, dedicada á súa figura. Outra cita destacada será o simposio científico que a RAG organizará para profundar na súa traxectoria vital e intelectual.

Comentarios