Fernando Vázquez, outra vítima da "autodestrución" profetizada por Víctor Fernández

Esta vez é un adeus. A directiva do Deportivo puxo fin á segunda etapa de Fernando Vázquez á fronte do conxunto branquiazul e só é cuestión de tempo coñecer o nome do que será o undécimo adestrador en menos de seis anos dun clube instalado nunha crise institucional, de xogo e resultados que parece xa cronificada.
Vázquez converteuse no seu último encontro no quinto técnico que máis veces dirixiu o Dépor. (Foto: RC Deportivo).
photo_camera Vázquez converteuse no seu último encontro no quinto técnico que máis veces dirixiu o Dépor. (Foto: RC Deportivo).

Cando Fernando Vázquez foi despedido por primeira vez do Deportivo, aló polo ano 2014, o seu substituto no banco branquiazul foi Víctor Fernández. O maño pasou con máis pena que gloria pola Coruña, e quizais o legado máis importante que deixou foi a súa lúcida análise da situación que vivía un clube que por aquel entón aínda militaba na Primeira División: "Aquí hai un ambiente de autodestrución absolutamente imparábel, como nunca vira en ningún lado, e non sei a onde nos vai levar, pero a nada bo".

Seis anos, 10 adestradores, tres directivas e dous descensos de categoría despois de que Víctor Fernández realizase esa reflexión parece bastante claro tanto que estaba no certo como onde está hoxe un Real Clube Deportivo que, quizais emperrado en confirmar a teoría do retorno cíclico da historia de Giambattista Vico, vén de cesar Fernando Vázquez por segunda vez.

A inemizade entre números e realidade

O despedimento do de Castrofeito chegou apenas 24 horas despois de perder ante un Zamora no que 10 dos 11 titulares xogaban o ano pasado en Terceira División. Era esta a terceira derrota consecutiva do Dépor, pero Vázquez estaba virtualmente fóra desde que caera co Celta B en Riazor (1-2). Considerada por moitas afeccionadas como a derrota máis humillante na centenaria historia da entidade, o presidente Vidal ratificouno publicamente, o que en fútbol quere dicir que as súas horas -semanas, neste caso- estaban xa contadas.

Cos fríos números na man, non pode dicirse que a etapa de Fernando Vázquez fora negativa, pois vaise sendo o segundo dos grandes adestradores na historia do Dépor con menor porcentaxe de derrotas, só por detrás de Irureta, pero o problema é que cando chegaron, fixérono en momentos fundamentais, como no encontro chave ante o Estremadura do ano pasado que abocou o equipo ao descenso á Segunda B.

A pesar de contar con moito apoio entre a afección, que apunta non sen razón a Vidal e Barral, Vázquez, quizais por idade -aínda que non o pareza ten máis anos que Arsenio Iglesias cando deixou o Dépor en 1995- ou por estrema fidelidade a un sistema de cinco defensas e a unhas ideas futbolísticas un tanto anticuadas, hai tempo que non transmitía esa imaxe de líder, de capitán dun barco á deriva que, de non subir, podería naufragar... para sempre.  

Comentarios