Opinión

Feminismo en auxe!

Esta semana diversos medios de comunicación fixéronse eco dun reprobábel comentario dun concelleiro do BNG no seu blog persoal. Nunca entenderei a necesidade de usar o sexismo para descualificar a actuación política de ningunha muller. Existen causas e razóns políticas suficientes para criticar a Soraya Saénz de Santamaría, sen necesidade de recorrer ao tópico e vulgar machismo. Non houbo conivencia nin xustificación por parte do Bloque con este comportamento, e en todo caso, esta persoa recoñeceu a gravidade do feito e demostrou que non todos e todas somos iguais. Como ben dixo o xa ex- concelleiro, “dimitir non é un nome ruso”, asumiu o erro e actuou en consecuencia. Actitude que contrasta co que fan outras forzas políticas. Pensemos senón na cantidade de cargos públicos do PP imputados por presuntos delitos que se manteñen no seu cargo, ou na frivolidade do Presidente da Xunta que se nega a dimitir após publicárense unhas fotos que descobren as súas amizades perigosas.

"O mesmo día que o PP se indignaba polo comentario na páxina web, convidaban ao Parlamento a Castelao Bragaña, militante do PP coñecido por afirmar que “as leis son como as mulleres, están para ser violadas”.

O comentario é noxento e censurábel, mais convén denunciar a dobre moral do PP en relación con este asunto. Non é a crítica ao sexismo o que move a reacción do PP, é simplemente oportunismo político. O sexismo e o machismo non son males que lle preocupen á rancia dereita española. Mais ben, todo o contrario. Estamos vivindo unha clara ofensiva contra os dereitos das mulleres e a igualdade. Aí están a blindaxe dos centros que segregan a nenos e nenas, a eliminación de dereitos de conciliación, o ataque frontal á capacidade das mulleres para poder decidiren sobre o seu corpo ou o regueiro de declaracións que agriden a nosa dignidade. Casualmente, o mesmo día que o PP se indignaba polo comentario na páxina web, convidaban ao Parlamento a Castelao Bragaña, militante do PP coñecido por afirmar que “as leis son como as mulleres, están para ser violadas”. Aínda estamos agardando a reprobación e dimisión do alcalde de Barreiros, quen recentemente dicía a unha concelleira do BNG que “las feministas lo son hasta que se casan”.  A dobre moral semella ser conxénita para os Ppopulares.

A erradicación do sexismo é tarefa inconclusa na nosa sociedade, pervive mesmo naqueles segmentos máis conscientes. Acredito firmemente na intolerancia contra este tipo de comportamentos, e na necesidade de avanzar na conciencia e pedagoxía feminista. Porén, actitudes como as do PP -ou outros poderes fácticos que actuaron neste caso- son tremendamente negativas. Non é a dignidade das mulleres o que lles preocupa, e iso acaba desvirtuando os debates e restando  credibilidade do discurso que reclama erradicación do machismo. Gostaría acreditar nun feminismo en auxe no PP, mais hai xa tempo que perdín a inocencia. 

 "O delirio do PP ten chegado ao extremo de que o Ministro de Interior se atrevera a insinuar que “El aborto algo tiene que ver con ETA”.

O debate en torno ao aborto ilustra ben que pensa realmente o PP sobre os dereitos das mulleres e a igualdade. Confeso que facía tempo que non me sentía tan agredida. Acúsase impunemente ás mulleres de cometeren delito (de asasinato!) cando deciden interromper o embarazo. Pode haber insulto e ofensa maior?  O delirio do PP ten chegado ao extremo de que o Ministro de Interior se atrevera a insinuar que “El aborto algo tiene que ver con ETA”. Se ben como atenuante podemos recoñecer que ultimamente ETA semella estar detrás de todo movemento social contestario e crítico coa cruel e inxusta política do PP. 

A defensa do dereito das mulleres a decidir sobre o seu corpo é parte indisolúbel da consideración das mulleres como humanas de plenos dereitos. O embarazo, a maternidade, son procesos que afectan especificamente ás mulleres, só a elas lles compete decidir. Negar este dereito é privar ás mulleres da súa condición de cidadás con capacidade plena. Consideración que no fondo o PP nega ás mulleres, temos que estar eternamente tuteladas. En pleno século XXI esfarélase a idea de que non pode haber retrocesos na igualdade. O PP pretende arrebatarnos dereitos básicos, mentres cinicamente fai apropiación indebida de palabras como  liberdade, igualdade ou dignidade das mulleres.

Comentarios