Felipe VI esixe “respecto” á Constitución e volve ao mito da Transición

A monarquía española non atravesa os seus mellores momentos. A abdicación de Juan Carlos I, esmagado polas corruptelas, foi un primeiro aviso. O conflito catalán e a resposta ao mesmo da dereita española tamén a abalaron, xa en mans de Felipe VI. No seu discurso desta Noiteboa, o Rei de España volveu ao mito da Transición para intentar recentrar a súa propia figura.

rey_mensaje_navidad_20181224_05
photo_camera Felipe VI no seu discurso de Noiteboa. Foto: Casa Real.

En dez minutos de alocución, pronunciada desde o Palacio da Zarzuela e coas bandeiras española e da Unión Europea como decorado -ademais dun retrato coa Infanta Leonor e un Nacemento católico-, o monarca referiuse á necesidade de “asegurar a convivencia”. Foi esta palabra, “convivencia”, unha das que máis repetiu.

“A convivencia, que sempre é fráxil, non o esquezamos, é o maior patrimonio que temos os españois”, dixo, “a obra máis valiosa da nosa democracia e o mellor legado que podemos confiar ás xeracións máis novas”. Aínda que Catalunya non apareceu de maneira explícita, era o fondo do discurso.

Porque o a intervención de Felipe VI o 3 de outubro de 2017 marcou un antes e un despois na percepeción que, no Estado español, existe sobre a insititución monárquica. O aliñamento do Rei coas teses máis centralistas e dereitosas a respecto da pluralidade nacional e as reivindicacións maioritarias do pobo catalán esnaquizaron a pretensa neutralidade de Zarzuela. Algunhas enquisas así o certifican: no Estado hai xa unha maioría republicana, moi acentuada en Catalunya, Euskadi e tamén en Galiza. Nas franxas de idade máis nova o abismo é enorme.

Nesta paisaxe, da que -segundo os analistas- son moi conscientes nas altas esferas, o monarca ofreceu onte unha imaxe de certa moderación. Iso si, sen apenas se afastar dos tópicos fundacionais da democracia española post 78. O “respecto á Constitución” como solución a todos os problemas, a suposta exemplaridade da Transición como medicina, “a reconciliación e a concordia”, “o orgullo do que somos e do que fixemos”.

“Quen viviron aqueles anos saben ben que se hai algo que os define foi o valor de traballar xuntos e unidos pensando no noso país e no futuro”, afirmou, “foi a vontade dos españois de se entenderen e a dos líderes políticos, económicos e sociais de chegar a acordos, malia estaren moi distanciados polas súas ideas e sentimentos”. Nesta versión da restauración da democracia desaparecen a violencia e a imposición, a acción das potencias estranxeiras, ou a enorme conflitividade social, obreira, que constituíron a realidade daquela etapa.

Non houbo mención algunha á diversidade interna do Estado, pero si á “seria preocupación” que lle causan “a cohesión social e territorial, a economía e o paro, a educación, a corrupción, o terrorismo e a violencia contra as mulleres”.

O discurso navideño do Rei é habitualmente redactado no Palacio da Zarzuela, pero revisado na Moncloa. O desta Noiteboa era o primeiro despois da moción de censura que levou Pedro Sánchez e o PSOE ao Goberno con apoio de Unidos Podemos e nacionalistas e independentistas vascos e cataláns. 

Comentarios