Feixoo volve ao Parlamento após dous meses sen comparecer

O presidente da Xunta acudirá ao Parlamento esta quinta feira, 7 de maio, logo de exixilo a oposición en reiteradas ocasións nas últimas semanas. 
Núñez Feixoo na súa última comparencencia no Hórreo (Imaxe: Xunta da Galiza)
photo_camera Núñez Feixoo na súa última comparencencia no Hórreo (Imaxe: Xunta da Galiza)

De "anomalía democrática" cualificou nas últimas semanas a oposición a situación política na Galiza, cun Parlamento disolto pola adiada convocatoria electoral do 5 de abril e cunha Deputación Permamente da Cámara galega á que o presidente da Xunta, Alberto Núñez Feixoo, só acudiu unha soa vez. A Deputación Permanente é o órgano que se reúne no Parlamento ao estar este disolto e conta cunha pequena representación de cada grupo.  

Os grupos do PSdeG, Común de Esquerda, BNG e o Mixto pediron en reiteradas ocasións a Feixoo que fose á Cámara informar e dar explicacións sobre a xestión da crise e para escoitar as propostas dos partidos fronte a pandemia e as súas consecuencias. 

A oposición cualificou ademais de "puro electoralismo" que durante a crise o presidente comparecese máis de 20 veces até hoxe na TVG e que ao hemiciclo, onde a oposición pode facer preguntas, só acudise unha vez, na sesión da Deputación Permanente do 26 de marzo.

A anterior ocasión que compareceu no Parlamento foi o 5 de febreiro, cando a Cámara aínda non fora disolta. Dúas veces en dous meses e medio, unha situación prexudicial para a democracia, xa que o xefe do Executivo galego fica sen dar contas nin someterse a control. 

Feixoo comparece a quinta feira

Finalmente, Feixoo comparecerá esta quinta feira, 7 de maio, no Hórreo, logo de que na segunda feira todos os grupos do hemiciclo, incluído o PP, acordasen que a Deputación Permanente se reúna unha vez á semana e que Feixoo acuda cada 15 días. 

O seu regreso ao hemiciclo coincide cunha maior clarificación do calendario electoral pola súa propia banda. Feixoo dixo o domingo que prorrogar a lexislatura sería "a peor" das opcións. O mandato remata en setembro, o que indica a preferencia do PP por votar no verán. Ademais, a aceleración que o presidente quere dar á recuperación da normalidade revela un Feixoo en campaña, xa que, co desconfinamento feito, as urnas son máis viábeis.

Así, Feixoo xa sinalou que a maior parte da Galiza podería pasar directamente á fase 3 e situouse en contra do estado de alarma, o que fai lembrar que o decreto de adiamento das eleccións do 5 de abril condicionaba volver convocar os comicios a superar a alarma.  Ademais Feixoo estase a amosar en campaña ao reivindicarse como "home de Estado", afirmando que el o que pretende é axudar a mellorar o mando único español na crise. 

Comentarios