Feixoo teima na venda de Alcoa e non aposta na intervención

O presidente da Xunta, Alberto Núñez Feixoo, animou o comité de empresa de Alcoa a impugnar o expediente de regulación de emprego (ERE) da multinacional por consideralo "fraudulento", á vez que insistiu na venda da fábrica.

O presidente da Xunta, Alberto Núñez Feixoo
photo_camera O presidente da Xunta, Alberto Núñez Feixoo, nunha imaxe de arquivo (Imaxe: Europa Press).

Ademais de emprazar o comité de empresa a impugnar o ERE, Feixoo pediu ao Goberno estatal “seguir para conseguir a venda" da planta a un operador a través da sociedade estatal de participacións industriais (SEPI). Teima así na venda en lugar de optar pola intervención.

Nesta liña, situou a SEPI como "instrumento" e apelou ao Goberno estatal, ao entender que lle corresponde a el "tomar estas decisións" ante "unha fábrica estratéxica para a economía española". "Correspóndelle ser interlocutor con Alcoa para intermediar nesa venda e poder trasladar esa fábrica a outro comprador", salientou.

"Alcoa acaba de tomar unha decisión que é saír de España. É unha decisión que lle corresponde a Alcoa, é a súa responsabilidade, pero o que non pode pretender é que España quede sen a única fábrica de aluminio primario para fornecer ao mercado español", advertiu Feixoo en declaracións aos xornalistas nun acto en Vigo, após coñecer o anuncio da multinacional.

O titular do Goberno galego avogou por "seguir traballando sen dar un paso atrás". Insistiu en que "Alcoa vaise de España pero a fábrica de aluminio primario ten que seguir funcionado".

Neste escenario, Feixoo aposta por "pedir medidas cautelares para que a compañía non feche en ningún caso e non desactive as cubas, porque reorientar e realimentar as cubas é custosísimo e faría imposíbel que a industria seguise funcionando".

Ademais, sinalou que o Goberno de España, "que está a traballar en coordinación coa Xunta", "ten que garantir a venda desa fábrica a un operador, que os hai, que queira operar a fábrica para seguir producindo aluminio primario".

"Imos seguir traballando nesa hipótese e non imos dar un paso atrás", subliñou. "Se se quere ir (Alcoa) está no seu dereito, agora, o que non pode pretender é que a política de aluminio en España se decida por unha multinacional, sexa cal for esa multinacional", resolveu.

Comentarios