CRÓNICA

Feixoo salda o debate sobre o estado da nación sen propostas de afortalamento do autogoberno

Feixoo en estado puro no debate do estado da nación. Abalou entre o xestor tecnocrático, sempre cómodo na guerra de cifras coa oposición, e o político duro na descualificación do adversario, con especial saña con Luís Villares. Nunha conxuntura política como a actual, coa cuestión territorial a determinar a axenda no estado, Feixoo non fixo ningunha proposta para o afortalamento do autogoberno do país. Non hai posición galega á vista no debate en curso en España

parla
photo_camera Feixoo, desde a tribuna

Após o debate do estado de nación desta terza feira, a cámara galega continúa sen coñecer a proposta concreta do Goberno da Xunta en materia de financiamento. Feixoo leva cero transferencias desde que accedeu á presidencia en 2009, unha década sen ningún traspaso. Tampouco houbo ningún anuncio de petición a Madrid de novas competencias. En definitiva, nun momento en que Euskadi demanda un acordo confederal co estado e en que a maioría do Parlament catalán defende o dereito a decidir, o presidente do goberno galego continúa enrocado no inmobilismo e na retórica constitucionalista, trufada de constantes apelos ás bondades da transición española e da Carta Magna de 1978.

Feixoo pasou polo debate sen abordar máis que moi epidermicamente a cuestión territorial, sen marcar perfil nin no confronto dialéctico no Pazo do Hórreo con Pontón, Leiceaga e Villares nin no debate estatal. Desaproveitou a oportunidade de formular propostas quer en materia de financiamento quer en materia de autogoberno. A análise dos estrategas de Monte Pío é que non se lles perde nada neses asuntos e que o que é politicamente rentábel é alimentar a imaxe de Feixoo como bon xestor —embora con el á fronte do executivo se triplicase a débeda ou o paro sexa hoxe aínda maior que en 2009— e mallar na oposición co argumento de que foi un desastre cando gobernou (bipartito) ou cando goberna (Pedro Sánchez co apoio de Podemos) e de que, alén diso, está rota polas divisións internas (En Marea) ou pola súa incapacidade para levantar unha alternativa conxunta.

"Falemos do autogoberno deste país". Eran por volta das 20 horas e o apelo facíallo a Feixoo Ana Pontón, a líder do BNG. O Bloque reafirmou a súa aposta na constitución dunha ponencia no Pazo do Hórreo con vistas a dotar o país dun "novo marco político", en palabras de Pontón, que supere "as estreiteces do autonomismo" desde a consideración da Galiza como nación. En Marea, por súa parte, pediu unha reforma estatutaria de carácter social. Nada, Feixoo apenas se deu por aludido, máis alá do dardo dialéctico, na contra-réplica, a Pontón —"onde quedou aquilo da cooperación intelixente?", perguntoulle en alusión ao termo alcuñado por Anxo Quintana durante o bipartito para se referir ás relacións entre Galiza e o Estado.


Na coda final do seu discurso, unha reivindicación da súa obra de goberno desde 2009, Feixoo voltou a facer profesión de fe rexionalista. O rol que tería de xogar Galiza sería, ao seu xuízo, o de afortalar "a España das autonomías". Un papel que obxectivamente distanciaría o país das outras nacións [nacionalidades de acordo coa terminoloxía da Constitución de 1978] do estado. E esa distancia non a agachou Feixoo. Antes ao contrario, esforzouse en poñela en evidencia. Destarte, por un momento finxiu estar de acordo con Pontón —"si, as decisións de Galiza hai que tomalas aquí˝. Mais non se refería a non depender de Madrid, senón a se autonomizar "do nacionalismo vasco e do separatismo catalán".

Guerra de cifras, post-verdade e suicidios

E se facemos abstracción do debate territorial, Feixoo perpetrou un clásico dos seus discursos parlamentares: o de se enlear nunha indescifrábel guerra de cifras coa oposición. A cada estatística crítica achegada desde as bancadas de En Marea, PSdeG ou BNG o titular da Xunta opuña unha outra que refutaba aquela e que contrastivamente era favorábel ao seu goberno, até o punto de en ocasións situar Galiza até na vangarda do estado. O exercicio foi particularmente intenso na disputa con Ana Ponton: rebateu todas as cifras de pobreza, emigración e privatizacións dos servizos públicos postas sobre a mesa pola líder nacionalista.

Feixoo sería o presidente da post-verdade, denunciara na súa primeira intervención a portavoz nacional do BNG, pola súa capacidade para retorcer a realidade co seu dominio da propaganda. A Feixoo fíxolle graza o recurso oratorio de Pontón e utilizouno na súa contra: para post-verdade, a nacionalista, veu argumentar. "Non debe vosté seguir manipulando a realidade", díxolle.

Mais con quen Feixoo se empregou de forma especialmente agresiva —como é, por outra parte, habitual— foi con Luís Villares, após o portavoz de En Marea responsabilizar a Xunta do incremento dos sucidios no país. O titular da Xunta chegou ao extremo de pedir que se lle entregase ao voceiro da confluencia unha transcrición da súa intervención para que ficase testemuño "do seu paso indigno pola política galega".

Comentarios