Feixoo rexeita comparecer no Parlamento para informar das novas restricións

O PPdeG tomba unha petición do BNG para que o presidente galego compareza na Cámara.
Diego Calvo (PPdeG), Miguel Ángel Santalices (PPdeG) e Montse Prado (BNG), onte, na xuntanza da Deputación Permanente (Foto: Arxina).
photo_camera Diego Calvo (PPdeG), Miguel Ángel Santalices (PPdeG) e Montse Prado (BNG), esta quinta feira, na xuntanza da Deputación Permanente (Foto: Arxina).

O BNG, perante a reunión que mantiveron hoxe os membros da Deputación Permanente do Parlamento, instou o presidente da Xunta, Alberto Núñez Feixoo, a comparecer nun Pleno extraordinario para dar conta das medidas adoptadas para combater a terceira onda da Covid-19, o plan de vacinación e as compensacións para os sectores máis afectados. Con todo, o voto en contra das representantes do Partido Popular impediu que esta iniciativa saíase adiante.

"Ninguén na Galiza entende que o presidente non acuda ao Parlamento nunha situación de extrema gravidade", lamentou o viceportavoz da formación nacionalista, Manuel Lourenzo.

O deputado pediu as populares que non continúen "vetando" a rendición de contas de Núñez Feixoo ante os grupos da oposición, e botou en falta a celebración de debates "nos organismos regulados" sobre a evolución da pandemia.

Así mesmo, urxiu o mandatario galego a ofrecer "información transparente" ante a "incerteza" provocada pola aprobación das novas medidas que entraron en vigor esta madrugada: "Como é posíbel que no mesmo DOG sexan implementadas polo Goberno medidas que non contemplan alternativas para paliar os efectos das restricións?", cuestionou.

Lourenzo pediu ás demais deputadas un "Parlamento activo e implicado" para facer fronte á crise sanitaria, e instou a adoptar unha postura unánime para "arrimar o ombreiro" e "estar á altura deste momento histórico". Por outra banda, o viceportavoz do BNG salientou a necesidade de "reforzar" os servizos de Atención Primaria, incrementar os rastrexos, realizar cribados masivos nos concellos máis afectados e, principalmente, "un plan de vacinación de medios e persoal".

O PP escúdase nunha "cuestión de prazos"

O portavoz da bancada popular no Parlamento, Pedro Puy, defendeu a negativa da súa formación a solicitar a comparecencia de Núñez Feixoo por "unha cuestión técnica e de prazos", ao que Lourenzo respondeu propondo unha segunda reunión da Deputación Permanente para debater a pertinencia dun Pleno extraordinario.

Así mesmo, Puy argumentou que o Goberno galego xa promoveu a comparecencia que terá lugar esta mañá na Comisión 5ª da Cámara por parte da directora xeral de Saúde Pública, Carmen Durán: "Vén informar sobre a campaña de vacinación", expuxo.

Comentarios