Política

Feixoo recupera os altos cargos do seu Goberno que cesaran para ir nas listas do PP

O presidente da Xunta comparecerá na Deputación Permanente para informar os grupos políticos das medidas sanitarias e económicas adoptadas pola crise provocada polo coronavirus.
O titular do Goberno galego, Alberto Núñez Feijóo, preside a reunión da Comisión de Coordinación Operativa posta en marcha para facer fronte á emerxencia do coronavirus. Centro de Atención de Emerxencias CAE 112 Galicia, A Estrada (Pontevedra), 18/03/20.
photo_camera O titular do Goberno galego, Alberto Núñez Feijóo, preside a reunión da Comisión de Coordinación Operativa posta en marcha para facer fronte á emerxencia do coronavirus. Centro de Atención de Emerxencias CAE 112 Galicia, A Estrada (Pontevedra), 18/03/20.

O presidente da Xunta, Alberto Núñez Feixoo, avanzou esta sexta feira que comparecerá no Parlamento da Galiza, diante da Deputación Permanente, o órgano que está de garda entre lexislaturas, para informar os grupos políticos das medidas sanitarias e económicas adoptadas pola crise provocada polo coronavirus.

Así o explicou na súa comparecendia posterios ao Consello da Xunta, na que tamén informou de que volverá a nomear a todos os altos cargos que cesara para que concorresen nas listas o Partido Popular ás eleccións galegas do 5 de abril, agora canceladas.

Desta maneira, Feixoo indicou que pediu a súa comparecencia na Deputación Permanente, unha actuación que dá tamén cumprimento ao compromiso de activar este órgano parlamentar que agora está en funcións tras a súa disolución pola convocatoria electoral.

As eleccións galegas ficaron aprazadas pola crise sanitaria, pero o Parlamento quedou disolto o pasado 11 de febreiro. Esta situación anómala reuniu o compromiso dos políticos de tratar de manter certo control ao Goberno e o funcionamento do poder lexislativo. Esta petición de comparecencia é o primeiro paso para iso.

Ademais, Feixoo comprometeuse a manter semanalmente reunións coas principais formacións políticas para informarlles da situación de emerxencia sanitaria da Galiza. Esta semana mantivéronse dous encontros, tanto para analizar a situación como para pactar a definitiva suspensión das eleccións galegas.

Recupera 12 altos cargos 

Na súa intervención, o presidente galego tamén indicou que, suspendidas as eleccións e anuladas as candidaturas, volveu a designar a todos os altos cargos cesados para concorrer nas listas do PP galego. Unha opción que descartara antes de que se deixasen sen efecto os comicios e que agora ten un carácter "inmediato" para que os doce altos cargos volvan a formar parte do seu Executivo. 

Trátase da delegada territorial da Xunta en Vigo, Corina Porro, que fora situada como número dous da lista por Pontevedra. Tamén foi reposto neste cargo o delegado territorial da Xunta en Pontevedra, José Manuel Cores Tourís; Ovidio Rodeiro seguirá como delegado da Xunta na Coruña; en Lugo seguirá sendo delegado territorial José Manuel Balseiro; e en Ourense, de novo foi nomeada Marisol Díaz Mouteira.

Tamén asumen os seus postos anteriores Antonio Rodríguez Miranda, como secretario xeral de Emigración; Nava Castro, como directora de Turismo; Silvestre José Balseiros, como director xeral de Gandaría; e Marta Fernández Tapias, na dirección xeral de Administración local; Susana López Abella na secretaria xeral de Igualdade; e Borja Verea, que regresa ao seu posto de secretario xeral técnico da Consellaría de Economía.

Mentres, un dos homes de confianza do presidente galego, Álvaro López Pérez, retoma o seu posto como secretario xeral de Presidencia.

Comentarios