Feixoo recunca por cuarta vez e o BNG fai historia con Pontón de líder da oposición

Alberto Núñez Feixoo e Ana Pontón. Dúas caras da moeda e dous gañadores da noite do 12 de xullo. O candidato do Partido Popular repite por cuarta vez como presidente da Xunta, igualando Manuel Fraga, en número de lexislaturas, mais non logra chegar á marca do seu antecesor, que conseguira 43 escanos en 1993. A líder do BNG asina unha espectacular suba de 13 escanos e sitúase como xefa da oposición, por diante de Gonzalo Caballero. Galicia en Común non obtén representación, ao igual que Vox, Ciudadanos e Marea Galeguista.
Alberto Núñez Feixoo e Ana Pontón votando o 12-X (Imaxe: Arxina / Nós Diario)
photo_camera Alberto Núñez Feixoo e Ana Pontón votando o 12-X (Imaxe: Arxina / Nós Diario)

Feixoo iguala o seu antecesor, Manuel Fraga, e iniciará a súa cuarta lexislatura como presidente da Xunta da Galiza. Así o advertían ao longo das últimas semanas as enquisas. Un resultado que tamén apuntaban as sondaxes a pé de urna das 20 horas do 12 de xullo. Tan só a da CRTVG apuntaba a unha alternativa ao Partido Popular en Monte Pío, a residencia oficial dos presidentes nacionais, mais finalmente o desgaste de Feixoo non foi tal e logrou un asento máis no Parlamento da Galiza que en 2016, un total de 41: 14 pola circunscrición da Coruña, 9 pola de Lugo, 8 pola de Ourense e 10 pola de Pontevedra.

Co 99,96% dos votos escrutados e sen o voto CERA, o PP suma 624.972 papeletas, fronte as 682.150 de 2016 e o 47,98% fronte ao 47,56%.

O nacionalismo galego, representado no BNG de Ana Pontón, logrou superar todas as enquisas e conseguiu o mellor resultado da súa historia, con 19 escanos: 7 pola circunscrición da Coruña, 3 pola de Lugo, 3 pola de Ourense e 6 pola de Pontevedra. Desta maneira, a formación nacionalista excede as cifras dos comicios de 1997, cando obtivera 18 representantes, 395.435 papeletas e o 24,6% dos apoios. Daquela o PP de Fraga chegara aos 42 asentos, 832.751 votos e o 51,9% dos apoios, e o PSOE de Abel Caballero, que se presentara con Esquerda de Galicia, sumara 15 escanos, 310.508 papeletas e 19,3% dos apoios.

Co 99,96% do escrutinio e sen o voto CERA, o BNG consegue 310.077 votos, fronte aos 119.446 de 2016, e 23,8% do apoio, fronte a 8,33% de 2016.

O PSOE de Gonzalo Caballero fica relegado á terceira formación política do hemiciclo galego con 15 escanos, os mesmos que en 2016. O partido socialdemócrata non consegue rendibilizar na Galiza o seu liderado á fronte do Goberno estatal e fica con 4 representantes pola Coruña, 2 por Lugo, 3 por Ourense e 6 por Pontevedra. Entre o 90 e o 99,82% dos votos escrutados bailou un dos escanos desta última circunscrición, que se debatía por momentos entre o PP e o PSOE. Finalmente foi o partido de Caballero quen apañou o asento que se disputaba.

Co 99,96% escrutado e sen contar co voto CERA, o PSOE logra 252.488 votos, fronte aos 256.381 de 2016, e en porcentaxe o 19,38% fronte ao 17,87% de 2016.

Tampouco logrou capitalizar a súa presenza no Goberno español Unidas Podemos, que fica sen representación ningunha na Galiza. Concorrían Podemos, Izquierda Unida e Anova baixo o nome Galicia en Común e co deputado en Madrid Antón Gómez-Reino como candidato á Presidencia da Xunta, quen cualificaba de "fracaso" os resultados "inesperados". Sumaron, co 99,96% dos votos escrutados, 51.212 papeletas, o 3,93%. A derrota do proxecto da extinta En Marea tamén o evidencia a formación política de Pancho Casal, que mesmo queda por detrás de Vox, Ciudadanos e Pacma en apoios, só 2.862, o 0,22%. A coalición chegara a ser líder da oposición en 2016, seguida por poucos votos polo PSOE, con 14 representantes, 273.523 papeletas e o 19,07%.

Os ultraespañolistas de Vox, malia apostar forte na campaña, coa presenza continuada dos principais dirixentes da formación, e malia a cobertura mediática que lle outorgaron os grandes grupos de comunicación, non lograron presenza ningunha no Hórreo e só sumaron o 2% dos votos, 26.474 papeletas que volven demostrar que as nacións sen Estado son o dique de contención de Vox. Ciudadanos, pola súa parte, non chegou ao 0,75% dos apoios, con 9.714 papeletas.

Comentarios