Feixoo recoñece insuficiente a oferta de prazas sanitarias da Xunta

A Xunta aprobou a oferta pública de emprego do Sergas para o ano próximo. Nesta se recolle a cobertura de 985 prazas no sistema sanitario galego.
Alberto Núñez Feixoo o 3 de decembro en rolda de prensa posterior ao Consello da Xunta. (Foto: Europa Press)
photo_camera Alberto Núñez Feixoo hoxe en rolda de prensa posterior ao Consello da Xunta. (Foto: Europa Press)

A Xunta da Galiza vén de aprobar a oferta pública de emprego do Servizo Galego de Saúde (Sergas) para 2021, onde se recolle a cobertura de 985 prazas, 652 das cales están destinadas a facultativos. Segundo indicou Alberto Núñez Feixoo na presentación da proposta, o Goberno galego ten a vontade de incluír unha puntuación específica para aqueles sanitarios que presten os seus servizos nos hospitais comarcais ou nos centros de saúde máis afastados dos grandes núcleos urbanos. A proposta de emprego acordada polo Executivo galego fica moi lonxe das necesidades do sistema sanitario e das demandas formuladas polas organizacións sindicais do sector.

Alberto Núñez Feixoo recoñeceu na rolda de prensa posterior ao Consello da Xunta de hoxe que o número de prazas ofertadas é insuficiente. Así, destacou que “a oferta pública de emprego non é a que gustaría á Xunta” e responsabilizou o Goberno do Estado de manter as limitacións ás contratacións sanitarias pola taxa de reposición do persoal traballador público. Unhas restricións aprobadas no seu día polo Executivo de Mariano Raxoi. "Poderíanse estar a convocar 3.500 novas prazas", sinalou Feixoo, en referencia ás dificultades que impón a lexislación á cobertura de vacantes no sector público e que o Goberno de Pedro Sánchez se nega a derrogar, tal e como lle solicitaron reiteradamente as centrais sindicais.

Intervencións dos centros de maiores

O mandatario galego fixo pública a decisión do Executivo de pór en marcha equipos de profesionais do Sergas para actuar naqueles centros de maiores intervidos pola Xunta da Galiza como consecuencia da pandemia. Segundo Feixoo, o obxectivo desta medida é "adaptarse á nova circunstancia xurdida desta pandemia", o que fai "necesario" pór persoal "coa máxima celeridade a disposición das residencias que intervén a Xunta”. Neste sentido, insistiu en que a iniciativa busca “actuar coa máxima velocidade e atallar o avance do virus" e adiantou que “está enmarcada na estratexia de actuación en centros de maiores e persoas con discapacidade para reforzar a capacidade de prevención e detección temperá de gromos de Covid-19”.

O presidente da Xunta da Galiza concretou que “con carácter xeral, haberá un equipo por cada provincia e cada un deles estará formado por un mínimo de 10 profesionais”.

Así, estes grupos de traballo estarán integrados por auxiliares de enfermaría da Consellaría de Política Social de forma "totalmente voluntaria" e os seus membros continuarán no posto de orixe até que sexan chamados para esta actuación. Feixoo recoñeceu que o Goberno galego aínda está negociando coa representación sindical as condicións específicas de traballo destas unidades, mais manifestouse optimista a respecto de que as necesidades do servizo fiquen cubertas exclusivamente por persoas voluntarias.

Feixoo amosouse partidario de mellorar a seguridade nos centros de maiores e avanzou unha nova estratexia que minore o risco.

Nesta liña, anunciou un aumento na frecuencia do cribado das residencias, “de forma que pasan de ser quincenais a semanais”, a posta a disposición de tests de antíxenos e unha “auditoría intensiva ao longo de 15 días para verificar o cumprimento dos protocolos e das medidas de protección por parte de todas as residencias da Galiza”.

Críticas ao Goberno do Estado español

Feixoo sumouse ao grupo de dirixentes do PP que discrepan das “recomendacións, que non normas”, anunciadas polo Goberno do Estado, no contexto da Comisión Interterritorial de Saúde para afrontar o combate da pandemia durante o Nadal.

Nós seguimos apostando por ser un pouco máis rigorosos que as recomendacións que se fixeron na pasada xornada”, indicou o presidente da Xunta, quen afirmou que “seguimos propondo que non debería haber máis de dúas unidades familiares que se unisen para celebrar festas e ímolo seguir recomendo de maneira intensa”. “Unha reunión de 10 persoas achegadas, é dicir, coñecidas”, se proceden de distintas unidades familiares, “sería de alto risco”, concluíu Feixoo.
 

Comentarios