Feixoo pide á dereita “aprender” do 28A e “unir o voto” de Vox e Cs no PP

Sitúa o Partido Popular como representante dos valores “moderados”, “galeguistas” e “reformistas”.

feixoo con raquel rodriguez e diago calvo
photo_camera Feixoo con Raquel Rodríguez, candidata do PP en Vimianzo, e Diego Calvo.

Núñez Feixoo chama polas 'ovellas descarriadas'. Nun acto político en Vimianzo, Feixoo apelou a que a dereita “aprenda a lección” do que aconteceu nas eleccións xerais do 28 de abril coa división do voto. A seguir, o presidente do PPdeG e da Xunta chamou a “volver unir o voto de Ciudadanos e o de Vox, que foi nútil” no PP. Un partido que, afirmou, é “galeguista”, “moderado” e “reformista”.

"Cando estamos unidos somos máis útiles”, manifestou ao tempo que situaba o PP como o único partido que permite “construír o país” desde a “moderación”. Unha formación, dixo, que debe ser “un amplo proxecto” que responda a un “amplo espectro político”.

Non é a primeira vez que o presidente da Xunta fai fincapé na división do voto da dereita. Foi unha das súas teimas durante a campaña electoral das xerais, cando sinalaba que votar Cs e Vox supoñía favorecer unha vitoria socialista. Pasados os comicios, Feixoo mantén as apelacións e chamadas a que todo o abano da dereita española volva converxer no PP. 

Este sábado en Vimianzo reiterou que se nas pasadas eleccións xerais non se dividira o voto da dereita, hoxe no Estado español habería outro goberno: “Cada vez que dividimos o voto convertemos un goberno en desgoberno”.

Comentarios