O presidente da Xunta e candidato do PPdeG á reelección, Alberto Núñez Feixoo lanza un aviso a quen queira ver garantida a súa cuarta maioría absoluta, coa que igualaría a marca de Manuel Fraga: deben ir votar o próximo 12 de xullo, porque "se hai un pinchazo na participación" ve complicado poder "revalidala".
"Se os galegos teñen un pinchazo de participación sería moi difícil conseguir a maioría absoluta", advertiu, nunha entrevista concedida a Europa Press Televisión, na que insistiu en que os colexios electorais "son lugares seguros". "Moito máis seguros desde o punto de vista da saúde pública que outros nos que socialmente temos que estar", engadiu.
Fronte ás críticas dos seus rivais, Feixoo volveu a defender que a súa decisión de fixar en xullo as eleccións inicialmente previstas para o 5 de abril e que foron aprazadas pola pandemia, só responde o seu interese por "preservar a saúde pública" dos cidadáns. Esperar a outono, remarcou, multiplicaría os riscos, sobre todo "pola chegada de turistas".
Vox
Aínda que a súa aspiración é revalidar a súa maioría absoluta, Feixoo deu a entender que, se a perde mais mantense como o candidato máis votado, está "disposto" a presentarse á sesión de investidura no Parlamento galego.
E a pactar con Vox? O dos Peares recoñeceu, na entrevista concedida a Europa Press que, aínda que considera que a formación de Santiago Abascal non logrará un escano no Pazo do Hórreo, non pecha a porta a ningún apoio.
"Se se dese a conxuntura que vostede di (que Vox fose chave para un hipotético Goberno no que el seguise á fronte), tentarei facer un debate de investidura e os que teñan representación parlamentar, que decidan", avanzou.