Acordos coa ultradereita

Feixoo non desvela se pactará con Vox na Galiza

Ás portas do 10-N Alberto Núñez Feixoo non aclara se pactará con Vox após as eleccións galegas no caso da forza ultradereitista obter representación. Tampouco aclara se Pablo Casado debe ou non pactar con Santiago Abascal.

Alberto Núñez Feixoo (Xunta)
photo_camera Alberto Núñez Feixoo (Xunta)

O presidente da Xunta, Alberto Núñez Feixoo, non quixo pronunciarse sobre os pactos con Vox e evitou dicir se Pablo Casado debe ou non coaligarse coa ultradereita de Santiago Abascal após as eleccións xerais de 10 de novembro.

Do mesmo xeito, tampouco quixo aclarar se el mesmo estaría deposto a chegar a pactos con Vox nas vindeiras eleccións galegas, de a forza ultraespañolista obter representación e o PP perder a maioría absoluta. O presidente da Xunta salientou que os comicios galegos «non son os que están no foco».

Ao contrario que en Euskadi e Catalunya, na Galiza non goberna o nacionalismo, sinalou Feixoo

Feixoo cualificou Vox nesta quinta feira, 7 de novembro, de «instrumento ao servizo do PSOE» e chamou a concentrar o voto da dereita nas siglas do PP fronte a idea de «dividir» as papeletas con Vox e Ciudadanos.

«Se hai moitos votos a Vox ou C’s, non haberá unha maioría alternativa ao PSOE. Se os votos se concentran no PP, haberá cambio de Goberno", proclamou Feixoo, quen xustificou na división do electorado de dereitas a perda da hexemonía do PP nas eleccións do pasado mes de abril na Galiza.

Ante as críticas que o secretario de Vox, Ortega Smith, lanzou a Feixoo desde un mitin en Ourense esta semana, o presidente da Xunta asegurou que afirmar que el é un nacionalista é «unha brincadeira» e sinalou que, ao contrario que en Euskadi e Catalunya, na Galiza non goberna o nacionalismo.

Comentarios