Feixoo incita as cooperativas lácteas a ser parte dos novos proxectos industriais

A Xunta presenta a súa estratexia para o sector lácteo, na que os sindicatos botan en falta a creación dun órgano interprofesional galego
O presidente da Xunta e o conselleiro do Medio Rural durante a visita que realizaron esta semana ás instalacións de Leite Río (Foto: Xunta da Galiza)
photo_camera O presidente da Xunta e o conselleiro do Medio Rural durante a visita que realizaron esta semana ás instalacións de Leite Río (Foto: Xunta da Galiza)

A Xunta da Galiza vén de presentar o seu enésimo plan para o sector lácteo, unha estratexia con 125 accións coas que pretende "fomentar unha industria máis innovadora e competitiva, ampliar a súa pegada internacional e potenciar a transformación do noso leite", segundo apuntou Alberto Núñez Feixoo na súa presentación.

O presidente da Xunta anunciou que, para acadar estes obxectivos, entre eles o de transformar 75% do leite que se produce na Galiza, o Executivo galego incluirá nos Orzamentos de 2021 unha partida para modernizar e mellorar a rede de oficinas agrarias comarcais, que na actualidade conta con 68 sedes. A idea é unificar nas vilas a atención agrícola, veterinaria e forestal nunha única sede. 

Así mesmo, modernizaranse os sistemas de atención e de tramitación dixital; mellorarase a formación dos traballadores e das traballadoras; renovarase o parque móbil, e crearase unha oficina agraria móbil para chegar ás aldeas máis pequenas e ofrecer estes servizos, engadiu.

Pola súa banda, o titular de Medio Rural, Xosé González, explicou que a estratexia divídese en cinco grandes obxectivos relativos á produción, á industria e aos mercados, á cadea de valor e á formación e innovación.

Así, no tocante á produción, a Xunta creará un banco de explotacións que acolla as que non teñan relevo e estabelecerá un programa de preparación para a sucesión. Para apoiar a remuda xeracional, contempla incentivos fiscais e outras medidas de apoio financeiro, mais estas non dependen do Executivo galego, senón do Goberno español.

Na súa intervención, González destacou a futura Lei de recuperación e posta en valor da terra agraria, que permitirá contar con explotacións con máis base territorial; a normativa que regulará a xestión integral das dexeccións gandeiras, e sinalou que se seguirá cos procesos de reestruturación parcelaria.

Canto á industria, a finalidade é aumentar a transformación do leite apostando na diversificación de produto. Así, quérese aumentar o peso das denominacións de orixe de queixo galegas, adaptando os formatos e os envases ás novas demandas de consumo. A maiores, traballarase no asentamento de novos operadores industriais no país.

No relativo aos mercados, o conselleiro do Medio Rural indicou que se ampliará o ámbito xeográfico de promoción da marca Galego 100% e regularase o leite de pastoreo como elemento de diferenciación para abordar novos nichos de mercado.

En relación á cadea de valor, os aspectos máis destacados son que se fomentará a entrada das cooperativas no capital de novos investimentos industriais, a "reactivación" do acordo lácteo e a implantación dun sistema de estudo de custos de produción do leite a través dun programa informático para que cada explotación poida calcular os seus gastos e facer estudos comparativos con respecto ao sector.

Por último, no tocante á formación e innovación, o conselleiro do Medio Rural salientou que se traballará por responder ás necesidades dos gandeiros e das gandeiras, así como da industria, fortalecendo as estruturas de formación, investigación e innovación e a tecnoloxía a disposición do sector.

Triunfalismo inxustificado

A secretaria xeral do Sindicato Labrego Galego (SLG), Isabel Vilalba, que asistiu á presentación do plan, criticou o "triunfalismo inxustificado" da Xunta, á que acusa de debuxar unha imaxe "idílica" dun sector que, como lembrou, segue a cobrar menos polo leite que o resto do Estado español e boa parte do mercado europeo.

Vilalba destacou que, desde que goberna Feixoo, Galiza perdeu a metade das 13.000 granxas que estaban activas cando chegou á Xunta, e botou en falta a creación dun foro "no que os distintos axentes poidan negociar e dialogar sobre cuestións tan importantes coma o prezo do leite".

Nesta mesma liña, Elías Somoza, da Federación Rural Galega (Fruga), incidiu na necesidade de contar cunhas relacións de comercialización "medianamente xustas", para o que considera imprescindíbel a creación dunha mesa do leite galega que permita regular o sector, máis tendo en conta o feito de que na Galiza está 60% das explotacións leiteiras e 40% da produción.  

Comentarios