Feixoo evita pronunciarse sobre a proposta de debate na TVG en torno ao 28-A: “Descoñézoa”

 

O BNG pide un debate cos líderes políticos galegos na televisión pública galega sobre as eleccións xerais, tal e como se fixera en 2008 a proposta de Núñez Feixoo. O presidente da Xunta evita posicionarse a respecto da solicitude das nacionalistas ao non ter coñecemento da mesma. Sobre o que si se posiciona, e faino a favor, é sobre a petición de Pablo Casado a Vox de que non se presente nas circunscricións pequenas para non 'dispersar' o voto da dereita española. 

 

[Imaxe: Xunta de Galiza]. Alberto Núñez Feijóo, en rolda de prensa
photo_camera [Imaxe: Xunta de Galiza]. Alberto Núñez Feijóo, en rolda de prensa

“Pois acabo de enterarme polo que non podo responderlle. Descoñézo esa proposta”. Así respondeu na mañá desta quinta feira Núñez Feixoo ás preguntas de Sermos Galiza sobre a proposta feita polo BNG de que a TVG acolla un debate entre os líderes das formacións galegas sobre as eleccións xerais do 28-A.

O presidente galego evitou pronunciarse alegando que descoñecía esa solicitude da formación nacionalista, que foi presentada ao público na mañá desta quinta por Rubén Cela, coordinador da campaña do BNG. O nacionalista anunciou que o Bloque remitía unha carta ao director da CRTVG, Alfonso Sánchez Izquierdo, e ao resto de forzas políticas para organizar o debate, “estamos seguros de que o PP non porá ningún problema porque o BNG non está propoñendo nada que non se fixera xa no pasado”. Referíase Cela ao realizado antes das eleccións de 2008 na TVG e no que tomaran a palabra Alberto Núñez Feixoo, Anxo Quintana e Emilio Pérez Touriño. “As galegas e galegos meréceno”, engadiu.

Porén, haberá que agardar a que Feixoo se “entere” da proposta de debate para que se pronuncie sobre a mesma. Sobre o que si se pronunciou o presidente foi sobre a proposta de Pablo Casado de que Vox non se presentase naquelas circunscricións pequenas para non “dispersar” o voto da dereita: “SE o voto se divide beneficia PSOE, os populistas e o independentismos”, afirmou. E aproveitou para mandar unha mensaxe contra Ciudadanos eVox, aos que acusou de “na Galiza, atacar máis o PP que ao PSOE, ás marés de Podemos ou ao BNG que vai cos independentistas".

Comentarios