Feixoo envía a Sánchez os seus proxectos mais non cifra os fondos que Galiza precisa

Ana Pontón lamenta que a Xunta non fixe a cifra mínima que a Galiza debería lograr dos fondos da UE.
Núñez Feixoo anunciou que remitirá o 15 de outubro a Madrid o borrador dos proxectos cos que a Xunta optará a captar fondos europeos (Foto: Arxina)
photo_camera Núñez Feixoo anunciou que remitirá o 15 de outubro a Madrid o borrador dos proxectos cos que a Xunta optará a captar fondos europeos (Foto: Arxina)

A Xunta da Galiza remite mañá ao Goberno estatal a súa proposta de proxectos para incluír no borrador que o Executivo español debe enviar a Bruxelas se quere optar ao reparto dos fondos europeos de recuperación. Preguntado por tales proxectos en comisión parlamentar, o director xeral de Orzamentos da Xunta, Miguel Corgos, demandou ao presidente español, Pedro Sánchez, que desvele os criterios que regularán a inclusión das propostas das autonomías nese plan estatal de Recuperación. Desde o BNG exixen á Xunta marcar a cifra mínima que aspira lograr. 

Na comisión de Economía, Corgos reclamou ao Goberno estatal que faga públicos os criterios para a repartición dos 140.000 millóns de euros do fondo europeo de recuperación (Next Generation) que España recibirá. "Só esperamos que o Goberno de España actúe como tal e defina criterios obxectivos e transparentes para poder incluír proxectos no plan de Recuperación e Resiliencia", sinalou.

A deputada do BNG (Bloque Nacionalista Galego) Noa Presas reprochou a Corgos na comisión parlamentar de Economía que a Xunta non mantivese para a elaboración dos seus proxectos ningún diálogo cos sectores sociais e que só despachase con algunhas empresas.

O director xeral, pola súa banda, respondeu que cada sección representada na comisión interdepartamental Next Generation Galiza será a que dialogue e negocie "coa sociedade civil".  Esa comisión tivo antonte a súa reunión constitutiva, coa presenza de Alberto Núñez Feixoo, e é a encargada de elaborar os proxectos galegos que se vaian remitindo ao Estado. 

Ao falar da comisión Next Generation da Xunta, Corgos fixo fincapé en que, ao abeiro da mesma, se crea unha oficina de proxectos tractores dentro do Igape para impulsar as iniciativas chamadas a financiarse co plan de Resilencia. 

Tal e como avanzou o propio conselleiro de Economía, Francisco Conde, na comisión Next Generation Galiza, o borrador da Xunta presentado a Sánchez inclúe catro proxectos tractores: unha planta de hidróxeno verde, un centro para o impulso da economía circular, a fabricación de fibras téxtiles a partir de madeira e a instalación de nova potencia renovábel. A isto súmanse tres iniciativas transversais centradas en cadeas loxísticas sustentábeis para o transporte, un centro de innovación en tecnoloxías renovábeis de hidróxeno e un laboratorio dixital para afondar en sistemas 4.0.

"Falta de ambición"

A portavoz nacional do BNG e líder da oposición na Galiza, Ana Pontón, censurou a " pouca ambición" e a "falla de ideas" da Xunta a respecto dos seus proxectos para a captación dos fondos europeos de recuperación. 

Nese sentido, a nacionalista criticou que non se definise a cifra mínima de recursos á que aspira Galiza, "o que contrasta", dixo, "con outros Gobernos como o vasco, que falou dun mínimo de 13.000 millóns de euros". 

"O mínimo é pór unha cifra", insistiu a líder da oposición, "co fin de que non se repita a mesma historia de discriminación para Galiza". Para Pontón, a negativa a pór unha cifra é unha mostra de que o Goberno galego "avala a centralización e aplana o camiño para que Galiza volva ser discriminada", advertiu. “Cando os fondos se reparten desde Madrid, non definir cifras abre a porta a que se repita a mesma historia de discriminación e por iso nos parece un punto de partida e unha estratexia erróneas”.

Aliás, Pontón preguntouse se eses proxectos acabarán financiado "as grandes multinacionais e empresas do Ibex", fronte ao que contrapuxo a necesidade de que os recursos cheguen ás pequenas e medianas empresas" galegas. Neste sentido,  esperou que non se "malvenda" o fondo. 

Interparlamentar

A portavoz nacional do BNG anunciou ademais que este sábado a súa formación organizará unha reunión interparlamentar coa presenza das e dos deputados do hemiciclo galego, do Congreso español e da Eurocámara e con representantes municipais, co obxectivo de abordar as liñas que se deben seguir para deseñar os proxectos que opten aos fondos europeos, unha estratexia que tamén levará á comisión de reactivación económica, social e cultural do Parlamento. 

Comentarios