Feixoo di que no rural "fechan explotacións pequenas" para "facer cooperativas grandes"

O candidato do PPdeG e líder do Executivo galego asegura que o seu obxectivo nun hipotético cuarto mandato será seguir "avanzando na industrialización do rural".
O líder do Executivo galego e candidato do PPdeG a revalidar a Presidencia da Xunta, Alberto Núñez Feixoo, nun acto electoral en Trazo o 28 de xuño (Imaxe: Europa Press).
photo_camera O líder do Executivo galego e candidato do PPdeG a revalidar a Presidencia da Xunta, Alberto Núñez Feixoo, nun acto electoral en Trazo o 28 de xuño (Imaxe: Europa Press).

O candidato do PPdeG para a reelección á Presidencia da Xunta e líder do Executivo galego, Alberto Núñez Feixoo, asegurou este domingo o rural galego precisa de "estabilidade política", pois é a única capaz de visualizar "proxectos a medio e longo prazo".

Así o manifestou durante unha visita á explotación gandeira no concello de Trazo, primeiro acto sectorial de partido nesta campaña. Alí Feixoo insistiu en que nunca falará "en contra do rural", porque iso é "ir en contra da Galiza". "É unha falta de respecto á xente que acredita que temos o rural de maior produción da historia", asegurou.

“É verdade que fechan as explotacións pequenas”, admitiu, matizando que isto se produce para “facer cooperativas grandes e explotacións grandes”. O líder do PPdeG reivindicou que a industria agroalimentaria é fundamental en 106 municipios galegos, xerando arredor de 10% do emprego na Galiza. O sector lácteo, apuntou, factura 870 millóns de euros anuais.

En Trazo, Feixoo asegurou que se o PPdeG revalida a súa maioría seguirán “avanzando na industrialización do rural” e facendo “atractivos” os investimentos. En canto a propostas concretas, avanzou o impulso da Xunta a unha planta de produción enerxética a través de residuos e a aposta polo “hidróxeno verde”.

Os proxectos foron anunciados pola Administración galega no marco da estratexia de recuperación da COVID-19, mais dos que non explicou como se desenvolverían e que impacto terán para o país.

Comentarios