Imprimir

Feixoo desvincula o aumento das restricións en Vilalba ao foco de coronavirus na súa residencia

Redacción | 20 de novembro de 2020

Un dos símbolos de Vilalba é a torre dos Andrade. (Foto: Turismo Vilalba)
Un dos símbolos de Vilalba é a torre dos Andrade. (Foto: Turismo Vilalba)
O comité de expertos que asesora á Xunta na xestión da pandemia da Covid-19 recomendou incrementar as prohibicións no municipio da Terra Chá.

O presidente da Xunta, Alberto Núñez Feixoo, negou hoxe que a decisión de incrementar as limitación no municipio de Vilalba, na comarca da Terra Chá teñan relación algunha coa intervención da residencia Asilo de Vilalba onte mesmo tras detectarse un surto con más de 130 persoas contaxiadas polo coronavirus.

Após a reunión co comité de expertos sanitarios e de que se anunciaran medidas máis restritivas para frear os contaxios da Covid-19 en concello chairego, Feixoo asegurou que a nova estratexia non está relacionada co gran foco de contaxios entre maiores da vila.

Asegurou que o fechamento perimetral, que será válido a partir desta madrugada, débese á alta incidencia que o virus xa deixara no municipio.

Sen o gromo “da residencia”, que polo de agora afecta a 132 persoas entre usuarias, usuarios e cadro de persoal, “Vilalba xa contaba cunha incidencia de 443 casos por cada 100.000 habitantes”.  “Estaba nunha posición moi alta”, concretou.

En contraposición, lembrou que O Carballiño abriu agora con 92,7 casos por cada 100.000 cidadáns.

"Indicios" sobre a orixe

Respecto a orixe do contaxio masivo, o representante do Goberno galego recoñeceu que xa hai “indicios”, mais non quixo falalos abertamente “por razóns de prudencia e de criterio clínico”. En calquera caso, deixou claro que “xa está baixo o control” das Consellarías de Sanidade e Política Social.

Sobre a futura flexibilización das restricións que pesan sobre decenas de concellos, simplemente avisou de que “aínda queda traballo por facer”. Malia haber “menos contaxios” que antes das prohibicións, os cambios serán “de forma progresiva”.

Podes ver este artigo na próxima dirección /articulo/social/feixoo-desvincula-fechamento-perimetral-vilalba-do/20201120165110109492.html


© 2020 Nós Diario