Parlamento Galego

Feixoo culpa o independentismo do bloqueo de transferencias

O presidente da Xunta, Alberto Núñez Feixoo, considera que o momento non é o “oportuno” para Galiza solicitar ao Estado que se transfiran competencias, debido ao auxe do independentismo.

O presidente da Xunta, Alberto Núñez Feixoo, no Parlamento. (Foto: Europa Press)
photo_camera Núñez Feixoo

Alberto Núñez Feixoo afirmou no Parlamento galego que o momento actual non é “oportuno” para reclamar transferencias do Estado para Galiza, debido ao auxe do independentismo.

Con este argumento respostou á pregunta oral formulada pola portavoz nacional do BNG, Ana Pontón, quen o acusou de ter alimentado o centralismo desde a presidencia da Xunta. Pontón recriminou a Feixoo por desdicirse a si mesmo á hora de esixir competencias para Galiza, actuando como  “un polo sen cabeza teledirixido por Casado”.

Pontón tirou de declaracións de Feixoo aos medios, contrapoñendo o anuncio que o presidente efectuou en xaneiro en prol do autogoberno, co posterior rexeitamento de transferencias para Galiza en sintonía co programa que vén de publicar o PP de cara ás eleccións xerais. Así mesmo, Pontón criticou ao presidente por primeiro reclamar poder gastar o superávit galego “para despois dicir que o ve pouco operativo”, coincidindo co voto en contra de Casado ao gasto en superávit.

Pontón acusou a Feixoo de non “conseguir en 11 anos ningunha transferencia para Galiza”

Pontón acusou a Feixoo de non “conseguir en 11 anos ningunha transferencia para Galiza”, e comparou o caso da AP9 co feito de que Euskadi lograra “en 48 horas” a competencia sobre a AP68.

Feixoo culpou o independentismo de facer que o momento non sexa oportuno para solicitar competencias, e sacou do seu escano o programa impreso do BNG para as eleccións xerais, afirmando que o Bloque quere unha república galega, e que, por tanto, está contra o Estatuto de autonomía e a Constitución. Nese sentido, Feixoo lamentou que Sánchez estea en contacto e negocie coas forzas nacionalistas de Euskadi e Catalunya e queixouse de el non recibir ningunha chamada do presidente do goberno español.

 Así mesmo xustificou a súa crítica recente ao gasto do superávit en que a proposta que se aprobou no Estado non responde ás necesidades de Galiza.

Ademais, o presidente da Xunta respostou ao BNG esgrimindo que a transferencia da AP9 é necesaria para Galiza e afirmou que Casado a apoia. Nós sempre imos solicitar máis transferencias nunha “nación única e indisolíbel” que é España, retrucou.

Villares esixiu a dimisión de Miranda por falla de transparencia

O portavoz de En Marea, Luís Villares, esixiu no plano do Parlamento a dimisión do secretario xeral de Emigración, Rodríguez Miranda, por terse negado a dar explicacións sobre os gastos de desprazamento efectuados por Feixoo cando este suspendeu a súa estadía en EE.UU. para acudir á manifestación “de partido” pola unidade de España.

Luís Villares esixiu a Feixoo explicacións e documentación para coñecer se empregaron cartos públicos para sufragar o gasto realizado polo presidente para acudir á manifestación pola unidade de España. Feixoo atopábase daquelas nos Estados Unidos en viaxe institucional, e adiantou o billete de volta de maneira urxente para asistir á manifestación pola unidade de España.

Feixoo recoñeceu que o gasto foi maior, mais que esa diferenza foi pagada polo PP e non pola Xunta, xa que se trataba dun gasto “partidario”. Así mesmo, e en requirimento de Villares, deu a data da factura para amosar que o pagamento se fixera desde o PP o día 9 de febreiro, antes de que En Marea pedise explicacións sobre o gasto.

Villares, culminou a súa intervención solicitando a dimisión de Rodríguez Miranda por non ter achegado a información a este respecto despois de En Marea telo solicitado reiteradas veces, actuación que Villares cualificou de ser contraria á ética e transparencia.

Feixoo cualificou a actuación do seu executivo de “transparente”

Feixoo cualificou a actuación do seu executivo de “transparente” argumentado que deron 49.000 preguntas formuladas ao goberno nas dúas últimas lexislaturas, o que, segundo afirmou, “superan o total das preguntas das 7 lexislaturas anteriores”.

Leiceaga denunciou a ausencia de políticas de benestar para maiores e en dependencia

O portavoz do PSdeG no Parlamento Galego, denunciou a dificultade da maioría da poboación maior en Galiza para acceder a residencias públicas a un prezo asequíbel. “Somos líderes en avellentamento en Europa, mais estamos nas políticas á cola”, denunciou.

Leiceaga asegurou que as listas de esperas son moi longas e que moitas persoas se ven na obriga de optar por unha residencia privada, con prezos que non paran de subir. “A súa política de residencia é un imposto para os maiores”, denunciou, xa que “cando non medran as prazas, e a demanda si medra, soben os prezos”.

"As 200 prazas creadas no último período foron pola vía de residencias concertadas", sinalou Leiceaga

O voceiro do PSdeG no Parlamento apuntou que as 200 prazas creadas no último período recollidas polo Consello de Contas foron pola vía de residencias concertadas. Lembrou a Feixoo que o Goberno galego ten terreos a disposición en varias cidades para a construción de novas residencias públicas e centros de día, pero asegurou que isto non avanza.

Feixoo respostou a Leiceaga argumentando que o goberno está a investir o triplo de cando se chegou ao goberno, e que actualmente Galiza conta con 61.000 dependentes cobrando a prestación.

Comentarios