Feixoo confía a Bruxelas e ao capital privado a reactivación da economía galega

Unha planta de hidróxeno "verde", outra de biogás a partir de puríns e unha factoría de fibras de celulosa son os tres proxectos estrela aos que fía Núñez Feixoo e o comité de expertos a recuperación da economía galega. O plan, aínda sen datas, servirá para compensar parte do emprego destruído nos últimos anos.
Reunión do Executivo da Xunta co comité de expertos económicos (Xunta).
photo_camera Reunión do Executivo da Xunta co comité de expertos económicos (Xunta).

O futuro industrial da Galiza pinta negro. Ao feche da factoría de aluminio de Alcoa, que non está disposta a dar o seu brazo a torcer, e da central térmica de Meirama (Cerceda), que deixarán na rúa máis de 600 traballadoras, sumarase nos vindeiros meses o da central das Pontes.

De momento, nin Alcoa, nin Endesa, nin Naturgy, propietarias destas instalacións, puxeron sobre a mesa ningún plan industrial alternativo que permita garantir o emprego e salvar a actividade industrial nos territorios nos que se asentan.  

Neste tempo, a Xunta tampouco puxo da súa parte para promover alternativas. Tivo que ser o seu comité de expertos económicos o que lanzase varias propostas encamiñadas a mobilizar investimentos. 

O presidente da Xunta, Alberto Núñez Feixoo, deu a coñecer a pasada cuarta feira estes proxectos, "chaves para a necesaria transición cara á sustentabilidade, a dixitalización e a competitividade do tecido produtivo galego" e deseñados no marco da Estratexia de especialización intelixente da Galiza (RIS3).

Como apuntou, están concebidos para que encaixen nas políticas do pacto verde europeo, o que lles permitirá obter financiamento de Bruxelas. O resto dos cartos virán de investimentos públicos e sobre todo privados. 

“Presentamos tres proxectos tractores deseñados co comité de expertos: viábeis, con demanda, que responden a unha oferta desatendida e que teñen moito que ver coa Galiza e co obxectivo de mobilizar investimento, innovación e emprego”, indicou Feixoo na presentación dos mesmos.

O papel das empresas

Detrás deste anuncio, do que moitas economistas ven un marcado carácter electoralista, ocúltanse os proxectos de empresas como Naturgy e Endesa para compensar o feche das súas centrais térmicas. De feito, dous deles enmárcanse no ámbito enerxético.  

O primeiro é unha planta de produción de hidróxeno verde de 50 megavatios (MW) para o seu uso na industria, na mobilidade como combustíbel e a súa inxección na rede galega de gasodutos. Trátase dunha aposta arriscada, xa que o futuro da mobilidade podería ir por outra liña diferente á da pila de hidróxeno.

Tamén no eido enerxético, o segundo dos proxectos consistiría na creación dun centro de produción de biogás e fertilizantes a partir dos excedentes dos xurros procedentes das gandarías galegas e no que tamén se poderían reciclar plásticos e téxtiles, o que permitiría camiñar na liña dos obxectivos de reciclaxe que marca a Unión Europea para 2030.

Este centro de gas renovábel podería ser do que falara Naturgy cando deu as claves do seu proxecto industrial para Meirama após o seu feche, previsto para finais do presente mes de xuño. De momento non deu máis pistas sobre este proxecto.

As recomendacións das expertas van precisamente nesa liña, na de sustentarse na capacidade de tracción de grandes empresas estabelecidas na Galiza ─que non galegas─ nas súas respectivas cadeas de valor, ou en alianzas lideradas por estas nas que tamén participen pemes e outras empresas vencelladas a dita cadea de valor, como poden ser os clústers. 

Neste senso, Galiza xa experimentou este modelo de colaboración en iniciativas como a Unidade Mixta Gas Natural Renovábel, impulsada por Naturgy e EnergyLab, xunto a EDAR de Bens na Coruña.

Reganosa e Ence

Todo ese hidróxeno e o gas renovábel podería inxectarse nas rede gasista galega e reducir así a dependencia exterior. É seguro que Emilio Bruquetas, director xeral de Reganosa e membro do comité de expertos que asesora a Feixoo, xa ten botadas as súas contas sobre os beneficios que esta medida pode achegar á empresa participada polo empresario Roberto Tojeiro, presidente de Gadisa, e a propia Xunta.

O mesmo sucede no sector forestal, ao que está vencellado o terceiro dos proxectos. Trátase da creación dun centro de fabricación de fibras téxtiles a partir da madeira, fundamentalmente celulosa e residuos alimentarios, agrícolas e forestais, un campo no que traballa desde hai tempo Ence, que mesmo incluía nos seus plans de futuro a creación dunha liña de produción de viscosa na súa fábrica asturiana de Navia que agora podería quedar na Galiza. 

O obxectivo deste centro, segundo Feixoo, é impulsar a xestión sustentábel dos bosques e a biodiversidade forestal e fechar así o círculo do aproveitamento da madeira no país, aínda que na práctica só servirá para consolidar un modelo baseado no monocultivo de eucalipto.

Comentarios