Un discurso de Fin de Ano dedicado máis a Catalunya que a Galiza

Feixoo chama a non desbotar o 155 con “A derradeira leición do mestre” como pano de fondo

O discurso de fin de ano foi unha nova andanada do presidente da Xunta contra o soberanismo. Unha peza retórica que ben podía ter asinado un dirixente do PP estatal, pois tivo como leitmotiv argumental o confronto entre Madrid e a maioría social de Catalunya que pide un referendo de autodeterminación. Feixoo optou por unha posta en escena cunha enorme carga de provocación: a súa soflama españolista tivo como escenario a Cidade da Cultura e como pano de fondo o lenzo pintado por Castelao en que se rende homenaxe a Bóveda, asasinado polos fascistas en 1936.

Feixoo
photo_camera Feixoo, durante o discurso

O discurso de Feixoo podía telo asinado sen o menor problema Pablo Casado. Ou Albert Rivera. Ou o mesmísimo Santiago Abascal. Unha nova proclama españolista contra o Govern catalán e tamén contra o Executivo Sánchez, a quen tratou como cúmplice dos independentistas por ter asinado un documento conxunto coa Generalitat —o día da súa cimeira con Quim Torra— en que se cualificaba como “conflito” o diferendo entre a sociedade catalá e o estado español.

“Nin foi un conflito o ataque do terrorismo á España das liberdades, nen cabe chamarlle conflito ao golpe de estado de 1981 nen tampouco hai conflito no reiterado desafío do independentismo catalán”, dixo Feixoo nun virulento ataque á declaración conxunta da Moncloa e o Palau de Sant Jaume.

Foi nese marco cando, de forma implícita, Feixoo sacou a pasear o espectro do artigo 155, a previsión constitucional que xa foi aplicada polo Goberno Raxoi para deixar sen efecto o autogoberno de Catalunya. Destarte, e ao tempo de mostrar o seu desexo de que se produza “un pleno retorno á normalidade na Generalita”, pediu que non se desbote recorrer a aquelas ferramentas legais estabelecidas na Carta Magna “para garantir a nosa democracia e o noso autogoberno”.

No relato feixoniano, a Constitución é a garante do autogoberno, e non o texto legal que impide o seu pleno desenvolvimento, daí que convide a non ficar impasíbeis perante o que chamou “ataque sistemáticos” a ese texto, pactado en 1978 polas forzas políticas herdeiras da ditadura, a esquerda estatal e segmentos do nacionalismo catalán.

“Galiza”, dixo arrogándose a representación de todo o país, “non se vai calar cando se pon en perigo unha obra de todos”. Para Feixoo, o que tenciona o bloque independentista catalán non é máis que a procura de “situacións de privilexios que non partillamos”.

Face Catalunya, Galiza sería o modelo a seguir, defendeu Feixoo. O noso sería un pobo de xentes que “falan, trocan impresións e tamén discuten, mais sen deixar de estarmos xuntos”.

Castelao no discurso

A escolla d'A derradeira leición do mestre' no foi en absoluto casual, senón que obedeceu a unha decisión política perfectamente estudada. De feito, Feixoo falou de Castelao quer no limiar quer na coda do seu discurso. A súa tese é que as “ideas excluíntes” son “a causa de episodios” como o pintado polo líder do Partido Galeguista. O que non explicitou o presidente da Xunta é quen foron os vitimarios de Bóveda e que quer este quer Castelao se limitaban a defender pacifica e democraticamente os dereitos nacionais e sociais do pobo galego.

“Debemos sentirnos orgullosos do que significa que este cadro, que moitos consideran o Guernika galego, estea aquí, entre nós”, dixo, e a seguir referiuse ao lenzo como “un exiliado mais que volve a súa casa. Volve tarde, mais por primeira vez desde que Castelao o pintase en Bos Aires logramos que se poda ver en Galiza”.

En definitiva, Feixoo esforzouse en retratar un país, Galiza, exemplo de convivencia e entendimento como alternativa ao que tildou de conflito alimentado “artificialmente”.

Comentarios