Feixoo carga contra os que piden o confinamento e BNG e PSOE ínstano a asumir a "gravidade" da situación

O presidente rescata na súa comparecencia no Parlamento o argumentario da extrema dereita que vinculaba a expansión en marzo da Covid co 8-M.

Pleno del Parlamento.
photo_camera (Foto: Arxina)

Compareceu Núñez Feixoo hoxe no Parlamento para falar da evolución da pandemia e da vacinación e o seu discurso acabou nunha loa á xestión propia combinada con ataques á oposición e ao Goberno español e mesmo rescatando o argumentario (que xa parecía esquecido e caducado) da extrema dereita sobre a extensión en marzo da Covid: culpa do 8-M.

O presidente principiou forte: “Sempre din conta da pandemia con transparencia”, afirmou desde o atril. “É a segunda vez que comparece no Parlamento pola pandemia desde as eleccións en xuño”, retruoulle na súa quenda Ana Pontón, portavoz do BNG. E iso cando a pandemia bate récords en contaxios, incidencia e ocupación de UCI.

A intervención de Núñez Feixoo centrouse na liña do que xa é marca da casa: criticar os outros, sexa esta a oposición parlamentar (BNG e PSdeG) ou o Goberno español. Como lle lembrou Conzalo Caballero, portavoz socialista: “Cando as cousas van ben, ponse a medalla; cando van mal, a culpa é do estado ou da cidadanía”.

Máis que defender a xestión da Xunta dentro das súas competencias, Feixoo usou boa parte da súa primeira quenda de intervención en repasar o que considera como erros dos demais á hora de afrontar a pandemia. E aquí Feixoo meteuse en lameiros, ao falar de “decisións inspiradas en criterios políticos a curto prazo” E aí deu o salto: “Por que se sacou importancia á onda de marzo? Había que celebrar o 8-M?”, preguntou. Unha pregunta que rescata o discurso co que a extrema dereita bombardeara na primeira fase da pandemia e que fora daquela adquirido por sectores do PP. Agora, meses despois, Feixoo volve pronuncialo e nunha comparecencia parlamentar. Nesta liña de intereses “políticos” do Goberno español na xestión do coronavirus tamén situou o de non adiar as eleccións en Catalunya.

Desbotou un confinamento e acusou os que defendían esa medida de “non ter en conta as consecuencias” desa medida. O confinamento é unha actuación que non só se demanda desde organizacións como BNG senón que tamén é sinalada como a medida acaída para a actual situación por parte de organizacións como colexios médicos ou epidemiólogos.

Peticións a Sánchez

Feixoo tamén expuxo as seis peticións que esta sexta feira ía trasladar a Pedro Sánchez na xuntanza que ambos os dous mandatarios van manter na Moncloa.

A posibilidade de adiantar o toque de recoller, un plan de vacinación “definido”, buscar un “consenso nacional” sobre teletraballo, ou valorar o uso da máscara FPP2 son algúns deses puntos. Tamén debater sobre os fondos para as autonomías para combater a pandemia.

Pontón: “Sen autocrítica”

Ana Pontón lamentou que Núñez Feixoo estea instalado na ausencia de “autocrítica” e movéndose na “falsa dicotomía” entre “saúde ou economía”. A portavoz nacional do BNG sinalou que o "esforzo" da cidadanía "ben merece que tanto Sánchez como Feixoo tomen decisión”.

Na súa intervención, sostivo que os "datos son demoledores" e demostran que o virus "corre" por Galiza marcando "cifras marca" que lembran unha primeira onda na que a cidadanía "estaba confinada baixo sete chaves".

Neste contexto e após censurar que "o primeiro" que fixese Feixoo despois do Nadal fose "botar a culpa" aos galegos da situación "sen facer autocrítica", reprochou que o titular da Xunta "non fose quen de pór sobre a mesa a única medida que é capaz de cortar de raíz" os contaxios que, na súa opinión, pasa por "un confinamento de dúas semanas", ampliábel.

"Que máis ten que pasar?", preguntouse Pontón, que tamén cuestionou os motivos polos que na primeira onda púidose estar "tres meses pechados" e agora "non se pode confinar dúas semanas".

A líder dos nacionalistas galegos asegurou que a súa intervención debe ser "necesariamente crítica" coa xestión de Feixoo "á vista dos resultados".

Así, após mostrar a súa "man tendida" para colaborar, pediu a Feixoo que propoña o confinamento de dúas semanas; emprazoulle a reorientar os orzamentos con máis medios para a sanidade pública e para rescatar aos sectores afectados; reclamou un novo modelo de residencias; e apelou a un acordo de país para a obtención de fondos europeos.

Caballero: "Póñase a gobernar e protexa a xente"

O secretario xeral do PSdeG, Gonzalo Caballero, manifestou o seu rexeitamento á estratexia política de "confrontación" e despois dunha intervención do presidente galego moi centrada en atacar o Executivo que dirixe Pedro Sánchez, lanzoulle unha mensaxe: "Póñase a gobernar e protexa á xente".

Caballero cargou contra a "política do anuncio continuo" do mandatario galego, a quen lle gusta, dixo, "pórse as medallas cando as cousas van ben", pero despois pon o foco na actuación doutras administracións, sobre todo do Goberno. Por iso, instouno a se centra en "gobernar" Galiza e "tomar as decisións" que necesitan os cidadáns.

Non en balde, Caballero alertou de que Galiza está "nunha situación extrema", cunha "crecente" presión asistencial e a UCI "en números máximos de ocupación".

Neste sentido, recalcou que Feijóo debe "baixar do pedestal" e lembroulle que ten "todas as competencias" no marco do Estado de Alarma decretado no ámbito estatal.

Comentarios