Imprimir

Feixoo carga contra o nacionalismo e acúsao de non priorizar necesidades

Alberte Mera | 25 de xuño de 2020

Alberto Núnez Feixoo (Nós Diario).
Alberto Núnez Feixoo (Nós Diario).
O candidato do PP á reelección como presidente da Xunta, Alberto Núñez Feixoo, criticou o nacionalismo por ser "contrario a priorizar as necesidades" da cidadanía, á vez que criticou un PSOE "descoñecido" e " burócrata de poder".

Así o expuxo durante a súa  participación no ciclo 'Respostas' que organiza o PP a través de Youtube e que consistiu nun diálogo co candidato a lehendakari vasco pola coalición PP+Cs, Carlos Iturgaiz. Feixoo asegurou que as e os nacionalistas galegos "non se poñen nin de acordo en como nos chamamos", dixo en referencia ao uso do nome do país, 'Galiza'. "Non aceptan a súa familia nin o que somos, somos españois", remarcou.

Tanto Iturgaiz como Feixoo amosaron o seu rexeitamento absoluto aos nacionalismos tanto en Euskadi como na Galiza. Feixoo engadiu que "as pontes son moito máis útiles que os muros" e preguntouse "como imos parcelar o noso país". "Os nacionalistas invéntanse a historia", engadiu o candidato vasco, para apostilar o galego que "cando se pasan de freada, o efecto é Catalunya".

Para Feixoo, o problema de España non só é "o nacionalismo e os independentistas", dixo, senón tamén un PSOE "descoñecido". Sobre o Executivo estatal Feixoo asegurou que non se trata dun Goberno senón "dunha coalición de partidos", cuxa prioridade "non son os temas de emprego nin a economía". 

Eloxios a Felipe González

Feixoo recalcou que foi o PP quen tivo que "defender" o ex presidente do Goberno español Felipe González. Del, dixo que "con todos os seus defectos, defendelo é defender a democracia e a Constitución", manifestou en resposta ás peticións para que se  investigue no Congreso a relación de González cos GAL.

Así se pronunciou Feixoo a través de Youtube. Precisamente, o PP galego subiu onte tamén ás súas redes varios vídeos, un por cidade, co presidente galego falando sobre a xestión do seu Executivo nos últimos catro anos. No caso de Vigo e Ferrol, Feixoo presume no audiovisual de actuacións nos hospitais, mentres que en Pontevedra subliña o "compromiso" coa dragaxe do Lérez e o saneamento da ría. En Ourense, alude ao número de prazas "duplicadas desde 2009" en garderías públicas ou a "ampliación" do hospital. Ademais, reivindica as actuacións a nivel sanitario e noutros sectores en Lugo e A Coruña, na que subliña "logros" en mobilidade, ao igual que en Santiago na que cualifica "chave" a estación.  

Podes ver este artigo na próxima dirección /articulo/politica/feixoo-carga-nacionalismo-acusao-non-priorizar-necesidades/20200624213504100166.html


© 2020 Nós Diario