Feixoo critica ao Goberno español que "apenas chegase" material sanitario a Galiza

O presidente da Xunta quéixase da falta de material, da que responsabiliza ao Goberno español, e explicita o desacordo co reparto de fondos entre comunidades para servizos sociais na crise do coronavirus.

O presidente do Goberno galego con Pedro Sánchez na feira do turismo Fitur, en Madrid (Europa Press).
photo_camera O presidente do Goberno galego con Pedro Sánchez na feira do turismo Fitur, en Madrid (Europa Press).

Núñez Feixóo compareceu nada máis rematar a xuntanza telemática que mantiveron os presidentes das autonomías co mandatario español, Pedro Sánchez, para denunciar que o Goberno español non está subministrando o material sanitario necesario.

O presidente galego afirmou que desde o inicio do estado de alarma “apenas chegou nada”, situando así a pelota no tellado de Pedro Sánchez, a quen quer así responsabilizar das eivas da situación actual da sanidade galega na loita contra o Covid-19, obviando unha década de políticas sanitarias da Xunta que profesionais e oposición denunciaron como privatizadora e precarizadora.

Puxo como exemplo Feixoo desa falla de material que o Ministerio de Sanidade mandou a Galiza apenas 10.000 máscaras protectoras cando as necesidades semanais superan, dixo, as 250.000. Foi neste punto que Feixoo anunciou que o Sergas encargou 8 millóns de máscaras para Galiza, que chegarán a partir da vindeira terceira feira, e mesmo apuntou que agarda que o Estado “non interveña esa compra”.

A isto engadiu que se compraron 113 ventiladores ou respiradores artificiais para as UCIs dos hospitais e que a dificultade agora céntrase en conseguir batas sanitarias suficientes.

O ton do líder do PPdeG na súa intervención seguiu nesta liña: achacar e responsabilizar o Goberno español das carencias que pode haber na Galiza. Tanto de material como de test, que situou como "prioridade". "Se tivesemos test suficientes faríamos esas pobras que se fan desde o coche nos hospitais comarcais e nos centros de saúde". 

Nesta liña, reprochou ao Executivo de Pedro Sánches que, malia pedirllo, non lle trasladase a previsión de curva epidemiolóxica para Galiza, para saber así cando estaría o virus no seu pico de contaxio ou cando a ocupación das UCIs podía achegarse á saturación.

Anunciou que encargou a profesionais sanitarios e Sergas que elaboren esa curva, que unha vez lista, comprometeu, sería posta en coñecemento da cidadanía.

Sobre as residencias de maiores, que en Galiza teñen 20.000 usuarias, Feixoo volveu demandar medios do Goberno español. Dixo que as residencias públicas "non teñen ningún problema".  

O presidente tamén quixo deixar patente o seu desacordo co reparto de 3 millóns de euros para servizos sociais entre comunidades polo Estado.

Comentarios