Imprimir

Feixoo xustifica a destitución da xefa de Servizo que lamentou a xestión do coronavirus

Redacción | 25 de marzo de 2020

O presidente galego, Alberto Núñez Feixoo (Arxina).
O presidente galego, Alberto Núñez Feixoo (Arxina).

“Hai que responder con dilixencia”, dixo o presidente sobre o cesamento de Eva Maquieira, que denunciara no Facebbok que fora reprendida por superiores por usar máscara” no Hospital.

Núñez Feixoo avala a destitución de Eva Maquieira, a xefa de sección de Cirurxía Plástica, Estética e Reparadora do Complexo Hospitalario Universitario de Vigo (Chuvi) cesada por criticar a desprotección do persoal sanitario na loita contra a COVID-19. Non é unha sorpresa, mais si que abraia o argumento do presidente para xustificar a decisión: que a médico criticara o servizo de Medicina Preventiva, o que Maqueira non fixo, pois o albo das súas críticas foron, como se pode ver no post que motivou o seu cesamento, os “mandos directivos” da sanidade galega.

O líder do PP e presidente da Xunta dixo, preguntado pola destitución, que “temos que estar todos a unha e se hai un fallo de confianza mutua, hai que responder con dilixencia”.

O post no facebook de Eva Maquieira, moi crítico coa xestión da crise do coronavirus por parte dos responsábeis sanitarios, estendeuse polas redes sociais e foi partillado por moitos profesionais sanitarios. 

Afirmaba aí que “sentín moita rabia e impotencia, recoñézoo. Sobre todo ante a falta de liderado por parte dos mandos directivos da Sanidade Galega (aqueles que traballan desde despachos mais non con pacientes reais)”.

Afirma que “fun criticada e reprendida polos meus mandos superiores por empregar máscaras cirúrxicas desde hai unha semana na miña actividade diaria no hospital, sobre todo en curas e consulta, onde é fisicamente imposíbel manter a tan pregoada distancia de 1 metro”.

"Tacháronme de irresponsábel"

“Tacháronme de irresponsábel por ir xerando alarmismo na poboación”, escribe, para apontar que hai apenas unhas semanas, se tivesen contacto cunha persoa que daba positivo “suporía por protocolo 14 días de corentena (como cando se deu o primeiro caso en Urxencias hai 2 semanas)”.

“Reconcómeme a importencia ver como os meus compañeiros se afanan por inventar proteccións con bolsas de plástico, con telas, gafas de buceo, separadores de libretas... (...)”.

O post tivo un importante eco entre profesionais sanitarios da área de Vigo, que trasladan a Eva Maquieira o seu apoio e solidariedade.


 

Podes ver este artigo na próxima dirección /articulo/social/feixoo-avala-destitucion-da-xefa-servizo-lamentou-xestion-do-coronavirus/20200324205341093756.html


© 2020 Nós Diario