Análise

Feixoo apostará pola continuidade na Xunta

Queda aínda máis dun mes para a conformación do futuro Goberno galego pero dáse por feito que apenas haberá mudanzas. A maioría dos conselleiros e conselleiras agardan repetir nas súas responsabilidades, mais o círculo de confianza de Feixoo sitúa os cambios para a metade 

da lexislatura.

Reunión do Consello da Xunta. (Foto: Nós Diario).
photo_camera Reunión do Consello da Xunta. (Foto: Nós Diario).

Continúa a análise dos resultados electoriais en Nós Diario. Alberto Núñez Feixoo xa deu as primeiras pistas a respecto da composición do vindeiro Goberno. Nunha entrevista na Radio Galega, o presidente da Xunta afirmou que “non se debe descartar” a continuidade dos actuais conselleiros e conselleiras, destacou a “experiencia” e “programa” do seu Gabinete, puxo en valor o seu traballo e indicou que “a concreción exacta saberémola nos últimos días de agosto e nos primeiros días de setembro”. O anuncio do mandatario galego garda coherencia coa súa práctica de todos estes anos, onde non introduciu mudanzas ao comezo da lexislatura excepto en 2012, cando relevou á fronte da Consellaría de Industria Javier Guerra por Francisco Conde.

As circunstancias nesta ocasión son diferentes. A previsíbel saída de Feixoo da política galega ao remate do mandato, no caso de confirmarse o seu propio anuncio en plena campaña, ou o improbábel paso adiante na política do Estado, tal é como lle demandan desde certos sectores do poder económico, obrigan a contemplar esta posibilidade na conformación do Gabinete. Segundo trasladan a Nós Diario desde o círculo de confianza do presidente galego, esta é unha decisión que “non toca adoptar agora, senón a mediados de lexislatura”. Porén, outras fontes do PP consideran que Feixoo “pode lanzar algún sinal sen alterar no esencial a composición do Goberno”.

Nova Vicepresidencia para restar poder a Rueda

A creación dunha nova vicepresidencia é un dos aspectos en discusión. O debate non é novo, até o punto de que esta proposta foi formulada polo grupo de confianza de Feixoo hai xa catro anos, desistindo finalmente polos problemas que causaba co vicepresidente Alfonso Rueda. A distancia entre Feixoo e Rueda non deixou de medrar ao longo dos últimos tempos, e a posición deste último debilitouse polos repetidos fracasos electorais na circunscrición de Pontevedra, onde se mantivo como presidente do partido. Así as cousas, gaña forza a idea de crear unha nova vicepresidencia da Xunta, a maiores da que actualmente ocupa Rueda, cuxas posibilidades de suceder Feixoo son nulas.

Conde é a persoa chamada a ocupar esa nova Vicepresidencia da Xunta. A favor desta formulación xoga o interese por parte do núcleo de confianza de Feixoo de restar peso a Rueda no Goberno e pode ser defendida en base á situación de emerxencia económica que vive Galiza. Ao tempo, o actual conselleiro de Economía e de Industria, Francisco Conde, fixo parte do círculo persoal de Feixoo desde os seus anos madrileños, demostrouse como unha das persoas máis fieis ao longo destes anos e goza de favor do gabinete político e de comunicación do presidente da Xunta.

As expectativas dalgúns dirixentes territoriais de entraren no Executivo perden forza. A presidenta dos populares lugueses e antiga alcaldesa de Mondoñedo, Elena Candia, teno moi complicado neste momento, malia que a dirección do partido na circunscrición segue véndoo posíbel. Ao igual que Candia, debe agardar o presidente do PP na Coruña, Diego Calvo, unha das persoas que aspira a suceder Feixoo e que diante da perspectiva da marcha deste a Madrid en 2018 fixo diversos movementos para sucedelo, entre eles buscar un acordo co dirixente dos populares ourensáns, Manuel Baltar.

As mudanzas no Goberno galego deben agardar. Entre as conselleiras con maior contestación interna atópanse a responsábel de Medio Ambiente, Ángeles Vázquez, e a encargada de Política Social, Fabiola García, mais unha e outra contan co favor do presidente Feixoo.

Comentarios