Feixoo admite "enormes dificultades" para conseguir respiradores para o Sergas

O material para atención de doentes máis graves e de test diagnósticos que favorezan o control da pandemia son, precisamente, o máis difícil de conseguir nestes días, onde a presión asistencial aumenta na sanidade galega. Feixoo advertiu onte destas carencias, na previsión de as necesidades sigan en aumento. 
plataforma loxística xunta (Arxina)
photo_camera Plataforma Tecnolóxica da Xunta en Negreira (Arxina)

Coa previsión de que este mes de abril será "determinante" na evolución da pandemia da COVID-19 na Galiza, polo aumento da incidencia e da presión asistencial, o presidente da Xunta, Alberto Núñez Feixoo admitiu onte as "enormes dificultades" do Goberno galego para obter respiradores para a sanidade pública, necesarios para a atención dos casos máis graves. "Hai unha enorme tensión pola altísima demanda de aparataxe de UCI. Resulta moi difícil que sirvan respiradores eficientes e contrastados no mercado mundial, tanto pola presión dos Estados Unidos como pola das principais potencias europeas, que están comprando nos mellores fabricantes de aparatos de UCI", sinalou, recoñecendo "moitos problemas" para "que se atendan os pedidos que o Servizo Galego de Saúde (Sergas) tiña previstos e prepagados".

A carencia deste instrumental non é nova. Foron numerosas as mensaxes do mandatario galego ao Goberno central pola falta de material comprometido ao longo do pasado mes de marzo. Porén, o día 25 coñecíase, por boca da presidenta da comunidade de Madrid, Isabel Díaz Ayuso, a cesión por parte do Sergas de 11 ventiladores de UCI á sanidade madrileña, onde se atopa o foco principal da pandemia do territorio estatal.

Como entón, Feixoo escudouse onte, durante a comparencia posterior ao Consello da Xunta, na "anticipación" da Administración galega. "As compras que fixemos a inicio de marzo son chave. Se non tivesemos comprado respiradores e camas hoxe estariamos en colapso, porque non teriamos respiradores dispoñíbeis", reafirmou.

Preguntado polo abastecemento de material, o presidente da Xunta respondeu –en castelán– que a sanidade galega está "razoabelmente surtida" de máscaras e material funxíbel e máis escasa de batas. Feixoo  non eludiu censurar as "diferencias" entre o material "que o Goberno central di que remite e o que remite realmente", se ben concedeu que os envíos de máscaras e luvas son máis xenerosos nos últimos días. A esa mesma hora, o Goberno de Vigo centraba na Xunta as súas críticas, por distribuír material sanitario "caducado desde 2014".

"O problema son os materiais de UCI, que necesitamos consolidar para eventualidades dos próximos días", advertiu Feixoo, quen engadiu á necesidade de máis respiradores a dificultade para adquirir tests diagnósticos. "Necesitamos unha compra masiva e aí temos un colo de botella", alertou. 

Situación actual

De acordo cos datos facilitados onte, o Sergas ten 178 camas nas UCI ocupadas por persoas afectadas polo coronavirus e, tras ampliar a súa disposición, conta con 250, sumando para esta finalidade camas de reanimación e de quirófano. "Aínda non chegamos á situación de colapso", apuntou o presidente da Xunta, quen sinalou as áreas sanitarias da Coruña –con 53 persoas na UCI– e Ferrol –coa UCI completa– como as de "maior presión".

"Non chegamos á porcentaxe de saturación hospitalaria que prevía o pico, que se fixou nun mínimo de 2.000 camas e nunha cifra máis ampla de 4.000; estamos en menos de 900 camas para esta doenza", apuntou.

A preguntas de Nós Diario, tamén certificou a "preocupación" polo número positivos entre profesionais da sanidade galega, que cifrou en 558. "Precupa moitísimo, son xente que está diagnosticando e tratando, que pon en risco a súa propia saúde, e que ademais perdemos, porque loxicamente ten que estar illada", indicou, vinculando a propagación do virus entre o persoal aos equipos de protección e o risco dun virus "que se propaga de forma dramática".

Na comparecencia, o titular da Xunta tamén deu conta das medidas adoptadas  no Consello para enfrontar os efectos da crise sanitaria, entre as que se conta a asunción das cotas de escolas infantís, centros de día, centros de atención ao Azheimer e centros para persoas con discapacidade durante o tempo que dure o estado de alarma. Segundo anunciou tamén, o servizo de Axuda non Fogar incrementará en máis de 12.000 as súas usuarias e será de balde para as novas incorporacións. 

Comentarios