Feixoo adianta as eleccións galegas ao 5 de abril: “A data das vascas tivo un peso fundamental na decisión”

O presidente da Xunta afirma que con este adianto Galiza “achega responsabilidade a España”.

Núñez Feixoo foto da Xunta
photo_camera O presidente da Xunta, Alberto Núñez Feixoo, após a reunión do Consello (Xunta).

Núñez Feixoo adianta as eleccións galegas a 5 de abril e fai coincidir os comicios cos vascos, mantendo así a dinámica seguida nas tres últimas citas electorais na Galiza e Euskadi. Desde 2009, o popular optou por manter a mesma dinámica: coincidencia coas vascas. Até o punto de que os anuncios de convocatoria de Urkullu para Euskadi semellan marcar o ritmo e pauta de cando serán as eleccións galegas.

O propio Núñez Feixoo recoñeceuno na súa comparecencia na tarde desta segunda feira, após reunir de urxencia o seu Goberno tras o anuncio de Urkullu: “A data das vascas tivo un peso fundamental na decisión”, dixo, e recoñeceu que nestes días mantivo varias conversas co Lehendakari.

Foi este un dos argumentos esgrimidos na súa comparecencia polo mandatario galego. Apelou a que esta coincidencia xa fora a dinámica nos tres comicios anteriores (2009, 2012 e 2016) e situou a disxuntiva en “un período electoral de 54 días [até 5 de abril] ou de sete meses”. Feixoo, pois, quer evitar con esta manobra o desgaste ao que se pode ver sometido nunha campaña electoral ‘longa’, na que practicamente estaría desde agora até setembro ou outubro e con importantes frontes abertos na xestión do seu goberno, como o da sanidade. Confía, alías en poder coller a oposición, a contra pé: a líder do BNG de permiso de maternidade, o espazo da esquerda ‘rupturista’ sen candidato, e Caballero sen acabar de callar no seu rol de líder da oposición. Aliás, Ciudadanos continúa sen candidato nin referente na Galiza.

“Estabilidade”

A baza da “estabilidade”, unha das favoritas do líder do PP, foi outra das expostas por Feixoo na súa comparencia. Fronte a un 2019 no que houbo até catro convocatorias coas urnas, indicou que era bo ‘reducir’ o número de comicios en 2020, ano no que se anunciaran comicios na Galiza, Euskadi e Catalunya. “Preservamos a normalidade social e institucional na Galiza e en España”, dixo.

Non se resistiu a aproveitar o anuncio de adiante electoral como presidente da Xunta para facer un primeiro mitin: subliñando que se aproberan en tempo os orzamentos, ou incindo en que o Goberno que saia das urnas o 5 de abril “terá moito camiño andado” en campos como a sanidade ou infraestruturas.

Candidato

A preguntas dos xornalistas sobre o feito de se ía ser el o candidato do PP [non foi nomeado como tal oficialmente] emprazou os e as xornalistas á xunta da Executiva do PPdeG desta terza feira. E de aí non quixo moverse.

Comentarios