Feixoo acusa o Goberno español de "tentar eliminar" o castelán da educación e querer "amordazar a prensa" por lei

O líder do PPdeG obvia a lei súmase ás críticas lanzadas polo seu partido á reforma educativa presentada polo Ministerio. 
Núñez Feixoo [Imaxe: Arquivo].
photo_camera Núñez Feixoo [Imaxe: Arquivo].

O presidente da Xunta da Galiza e líder dos populares galegos, Alberto Núñez Feijóo, acusou o Executivo que preside Pedro Sánchez de "tentar eliminar por lei" o castelán como lingua vehicular na educación e pretender "amordazar a prensa" a través dunha norma para que "sexa o Goberno quen decida o que é verdade e mentira".

Fíxoo a través de dúas mensaxes publicadas en español e con dous minutos de diferenza no seu perfil na rede social Twitter na tarde deste domingo.

"En plena pandemia, cando se supón que debería estar a xestionar a segunda onda, o Goberno pasou a responsabilidade ás CCAA e dedicouse a tentar eliminar por lei o castelán como lingua vehicular, a tentar reformar a lei para elixir directamente os xuíces", sinala o primeiro 'tuit' publicado polo presidente autonómico.

Dous minutos despois, Núñez Feijóo completaba a súa mensaxe desta forma: "E a impulsar unha norma para amordazar a prensa e que sexa o Goberno quen decida o que é verdade e mentira. Mentres, nega unha e outra vez unha lei para poder xestionar a pandemia".

O líder do PPdeG súmase ás críticas lanzadas polo seu partido á reforma educativa presentada polo Ministerio que encabeza Isabel Celáa, polo plan do Goberno para o control das chamadas 'fake news' e pola proposta para cambiar o sistema de elección dos membros do Consejo General del Poder Judicial.

Comentarios