Parlamento

Feixoo achaca a crise demográfica á falta de “mulleres en idade fértil”

No debate decorrido no Parlamento Galego sobre o envellecemento da poboación galega Feixoo sinalou as causas da crise demográfica en que “cada vez hai menos mulleres en idade fértil”. Respostou así ás esixencias de Ana Pontón a prol de relanzar a economía galega e loitar contra a precariedade co obxectivo, entre outros, de favorecer a natalidade. Nese sentido, Xoaquín Leiceaga sinalou as políticas de Feixoo como “o mellor anticonceptivo na Galiza”. Manuel Lago estreouse nas preguntas ao presidente polo grupo de En Marea denunciando o empobrecemento das galegas e galegos.

Alberto Nuñez Feixoo no Parlamento Galego [Imaxe: @Par_Gal]
photo_camera Feixoo no Parlamento [Imaxe: @Par_Gal]

A causa do saldo vexetativo negativo na Galiza está, para o presidente da Xunta, na falta de mulleres galegas “en idade fértil”. Con este argumento respondeu Alberto Núñez Feixoo ás preguntas da oposición que situaban na economía e na precariedade laboral as causas do problema da natalidade na Galiza.

O pleno do Parlamento Galego desenvolveuse esta cuarta feira 10 de xullo protagonizado polo debate en torno ao envellecemento da poboación galega debido aos datos que sinalan que cada vez hai máis defuncións ca nacementos.

O portavoz do grupo parlamentario do PSdeG, Xoaquín Fernández Leiceaga, e a portavoz nacional do BNG, Ana Pontón, centraron a sesión de preguntas ao goberno galego na problemática da natalidade.

“A crise demográfica da Galiza é o retrato demoledor do seu fracaso como presidente e dun PP incapaz de ofrecer alternativa ao país”, espetou a líder nacionalista a Feixoo

“A crise demográfica da Galiza é o retrato demoledor do seu fracaso como presidente e dun PP incapaz de ofrecer alternativa ao país”, espetou a líder nacionalista a Feixoo, a quen lembrou que en 2009 prometera frear a sangría demográfica mentres que, pola contra, “temos hoxe os peores datos que sinalan que a Galiza non deixa de perder poboación”.

Pontón sinalou ademais que na última década emigraron do país 250.000 galegas e galegos. “É como se desaparecese a cidade da Coruña ao completo”, exemplificou. Engadiu así mesmo que o número de nacementos no país sería outro se esa xente estivese na Galiza e non tivese estado obrigada a emigrar pola falla de oportunidades na terra.

“Isto non se vai arranxar con políticas natalistas que fracasaron noutros países, a xente non vai ter fillos porque se lle dea cheques bebes ou porque llo pida o goberno”, afirmou Pontón. Para a nacionalista os factores necesarios para que a xente teña crianzas, se así o quere e decide, require da existencia de expectativas de futuro, de calidade, de emprego e de benestar social. Nesa liña sentenciou que “o problema da crise demográfica é a falta de emprego e a economía, e non vai crear postos de traballo unha lei de demografía propagandística que non aporta ningunha solución real”, sentenciou a nacionalista.

“Nunca tantas medidas de conciliación e nunca tantas desgravacións fiscais por segundo e terceiro fillo houbo”, defendeu Feixoo

Por iso desde o BNG demandan ao goberno galego que se centre na mellora da economía, cunha aposta pola industrialización dos sectores estratéxicos, inversión en I+D+i, tirando as reformas laborais e apostando pola conciliación. “Incorpore os nenos e nenas de 0 a 3 anos nos tramos educativos”, pediu Pontón a Feixoo.

Porén, o presidente da Xunta de Galiza negou que as causas da baixa natalidade estivesen na economía e traballo. Apoiándose en enquisas de fecundidade sinalou que as razóns para non ter fillos na Galiza tan só nun 9% son de índole económica e, pola contra, sinalou que o 14% das persoas que non teñen crianzas débese a non atoparen a parella adecuada e un 14% porque non o desexa. “As galegas o que queren no 20,5% dos casos é un aumento dos permisos de maternidade e paternidade”, afirmou o presidente. Para reforzar a súa resposta a Pontón e incidir en que a causa de que a baixa natalidade non se debe a factores económicos, Feixoo esgrimiu que “as galegas que maís fillos teñen son as que menos renda teñen”.

Feixoo esgrimiu que “as galegas que maís fillos teñen son as que menos renda teñen”

En canto á perda de poboación por mor da emigración que aludiu Pontón, Feixoo contradiciu a cifra dada pola nacionalista na perda de 250.000 persoas en dez anos, e sinalou que a Galiza gañou 40.000 persoas entre as que marcharon e viñeron. “Entraron 13.000 persoas máis das que saíron neste ano”, dixo o presidente.

Nese sentido, o voceiro do PSdeG no Parlamento Galego, Xoquín Fernández Leiceaga convidou o presidente a non apropiarse das cifras de persoas migrantes que viñeron de América do Sur por mor das crises sociopolíticas e económicas, xa que ese aumento poboacional non se debe ás políticas de natalidade, obxecto do debate.

Leiceaga convidou o presidente a non apropiarse das cifras de persoas migrantes que viñeron de América do Sur por mor das crises sociopolíticas e económicas

“O mellor anticonceptivo na Galiza son as políticas de Feixoo”, ironizou Leiceaga

O voceiro do PSdeG sinalou que a Galiza conta de media con dúas mortes por nacemento, e criticou o presidente por querer “combater a crise demográfica cun texto legal cheo de declaracións e vagas intencións. Abandone o marketing”, exclamou.

Leiceaga criticou a falla de políticas destinadas a incentivar a natalidade naquelas persoas que desexan ter crianzas e sinalou as políticas de Feixoo “como o mellor anticonceptivo na Galiza”.

Feixoo defendeu o proxecto de lei en que está traballando a Xunta de Galiza co obxectivo e incrementar a natalidade na Galiza, e esgrimiu que é froito do traballo de máis dun ano do persoal profesional do Observatorio Demográfico da Galiza. Escudouse ademais en que ningún país de Europa ten saldo vexetativo positivo nin tampouco ningunha comunidade do Estado. Parabenizouse ademais polos 50 millóns de euros investidos na tarxeta de benvida para cada familia q ten un bebé na Galiza, o coñecido como cesta bebé. “Nunca tantas medidas de conciliación e nunca tantas desgravacións fiscais por segundo e terceiro fillo houbo”, defendeu.

Manuel Lago leva ao Parlameto o empobrecemento das galegas e galegos

O economista Manuel Lago estreouse na quenda de preguntas ao presidente da Xunta como portavoz do grupo parlamentario de En Marea após o anterior portavoz, Luís Villares (líder da organización política En Marea), formar con tres deputadas máis o Grupo Mixto.

Manuel Lago esixiu a Feixoo a activación de políticas dirixidas a paliar o empobrecemento da poboación galega. Nese sentido, lembrou ao presidente que a metade da clase traballadora galega é mileurista. “Hai 213.000 familias con ingresos totais por baixo dos 1.000.euros e un de cada tres fogares galegos teñen dificultades para poder chegar a final de mes”, sinalou Lago.

“Hai 213.000 familias con ingresos totais por baixo dos 1.000.euros e un de cada tres fogares galegos teñen dificultades para poder chegar a final de mes”, sinalou Lago

O novo portavoz do grupo parlamentario de En Marea instou Feixoo a “abandonar o negacionismo” e a “facer algo no que lle queda de mandato para combater as desigualdades do país”.

Para o presidente da Xunta a situación é totalmente oposta, e sinalou que desde o ano 2008 baixou a taxa de pobreza no país. Apoiouse nas cifras do estudo do 27 de xuño do INE para afirmar que a Galiza está mellor que nos anos de “plena bonanza económica” co bipartito. “Imos seguir traballando na axenda social única que pactamos coa FEGAMP e entidades anti pobreza”, aseverou desde o seu escano o presidente da Xunta.

O portavoz do Grupo Mixto Luís Villares non presentou pregunta. Só teñen opción a dúas preguntas ao presidente da Xunta por cada período de sesións.

Comentarios