As feiras do libro na nova normalidade: a seguridade por diante dos beneficios

Pódese ver, tocar e mercar, pero o resto das actividades como os obradoiros ou as palestras desaparecen.
A feira do libro de Ponteareas desenvolveuse baixo estritas medidas de seguridade a mediados de xullo. (Foto: Nós Diario).
photo_camera A feira do libro de Ponteareas desenvolveuse baixo estritas medidas de seguridade a mediados de xullo. (Foto: Nós Diario).

Unha das estampas máis tradicionais do verán galego, xa tan identificativas e nosas como as racións de polbo ou os as verbenas, son as feiras do libro que ano tras ano se instalan para goce de locais e visitantes nas prazas máis concorridas das principais vilas e cidades do país.

Mais, exactamente igual que acontece coas polbeiras ou coas orquestras, o sector do libro estase vendo fondamente afectado polas consecuencias da pandemia do coronavirus, que impide as concentracións de persoas fronte ás tradicionais casetas de venda para ver, follear ou mercar os libros.

Transcorrido máis dun mes desde que o 13 de xullo a Alameda de Compostela acollera a primeira feira do libro xa non só na Galiza, senón en todo o Estado, a Federación de Librarías recoñece a Nós Diario que a súa concepción mudou, e que as que se desenvolvan ao longo deste ano 2020 non terán "carácter económico".

A causa son os ríxidos protocolos de seguridade, presentados ante o Instituto de Seguridade e Saúde Laboral da Galiza (ISSGA), que estabelecen unha serie de estritas normas para garantir un "contorno seguro".

Algunhas desas normas -como explica Pilar Rodríguez Álvarez, presidenta da Federación de Librarías da Galiza-, "impiden a presenza de máis de dúas persoas mirando diante dun posto, ou que se acheguen a unha caseta sen antes ter que frotar as mans con xel desinfectante".

Ademais, as librarías están obrigadas a usar un enxeño que podería ser descrito como un longo pau cunha cesta na punta para depositar os cartos en efectivo ou o Terminal de Punto de Venta (TPV), así como a aplicar luz ultravioleta sobre libros e estantes unha vez que fechen de cara ao público.

"A xente aínda ten medo"

Hai moitos anos que as feiras do libro transcenderon sobradamente o seu marco nominativo para tornar nun contedor de eventos e actividades culturais que ían desde obradorios infantís ou exposicións até as máis tradicionais sinaturas de libros.

E, precisamente, estas últimas foron as únicas superviventes xunto coa propia venta de volumes. Iso si, tamén baixo estritas medidas de seguridade que inclúen pantallas de metacrilato para separar o escritor ou escritora do seu público.

"A xente aínda ten medo -recoñece a presidenta da Federación de Librarías, facendo referencia tanto a público como profesionais do sector-, por iso formulamos o calendario de feiras deste 2020 como un modo de romper esa dinámica, contribuíndo con esta nova normalidade que pode que non sexa como tiña que ser, pero 'éche o que hai".

Para Rodríguez, o eido económico será "o último" a ter en conta este ano, e considera que o esforzo que están a facer por sacar adiante as feiras do libro por todo o país é máis por "unha contribución que facemos desde as librarías para coa sociedade".

Con respecto ao calendario de feiras do libro para este verán, sinala que desde a Federación de Librarías están "pendentes" da evolución da situación da Mariña, onde no momento de escribir estas liñas a única feira que seguía en pé era a de Foz.

Comentarios