A feira das músicas do mundo remonta en Compostela

Un incremento da asistencia no 6,66 % e 16,66 % máis de empresas participantes é o balanzo que despide os cinco días de Womex en Compostela. 

Womex na CdC (Womex)
photo_camera Womex na CdC (Womex)

Á marxe das cifras que a organización mostra como unha edición na que se remontou nun 6,6% con balance máis positivo dos anos da crise, Womex ten outras imaxes, en especial, a dunha Compostela transmutada durante cinco días en capital das músicas do mundo. 

O balance pon punto final a catro días nos que non houbo parada na sede do Museo da Cidade da Cultura -por vez primeira o movemento dába na vista no último edificio aberto no Gaiás- mentras na cidade vella a música se impuña non só nos locais recollidos na programación, senón case en toda parte. 2.400 delegados e delegadas -cun incremento do 6,66%-, 1.470 empresas de noventa países -máis 16,66% - 668 exhibidores e 280 stand, máis 12%, son os datos de balance dunha Womex que pecha a súa vinte edición. 

Cartaces nas paredes 

Affiches nas paredes do Museo de maior orzamento do pais daban a idea da peculiar condición da feira de “world music”, un encontro de grande impacto comercial mais que mantén a fasquía das músicas que convoca. Mostraba tamén outra das particularidades da Cidade da Cultura, a ausencia de espazos acaídos para uns concertos que se transladaron á cidade, aos distintos auditorios e, de maneira especial, á carpa máis grandiosa que se lembra en Compostela, un xigantesco iglú cunha parede transparente que mudou a imaxe da Quintana durante toda semana, ocupando practicamente a totalidade da súa superficie. O sorprendente verán convidaba, malia iso, a concertos ao ar das prazas da zona vella que non estaban previstos neste mes de outubro que se agardaba outonal. 

Afeita como está a cidade a recibir peregrinos de moitas partes do planeta, Womex deu un paso a máis, conseguiu que durante cinco días, a cidade tamén soara á diversidade do mundo, con sons que non son superventas nin entran no mercado musical que impera mais mostran con gabanza a súa singularidade e a participación nun encontro no que comparten a defensa dunha cultura na que a orixe si importa. 

Lusofonía premiada 

O selo alemán Glitterbeat e a Mario Lúcio Sousa (Cabo Verde) e Mariza (Portugal) son os premiados nesta edición. A Mario Lúcio Sousa, poeta avogado e músico en Cabo Verde, recoñéceselle tamén o seu traballo no Ministerio de Cultura do seu país. De Mariza destacan desde a organización que foi quen de levar o “son das tabernas de Lisboa aos máis prestixiosos escenarios do mundo” desde o inicio da súa traxectoria hai catorce anos. 

Nordesía Produccións, organizadora local do evento, valorou tamén de maneira positiva o desenvolvemento da feira en Compostela, destacando tamén a repercusión que pode ter para a música galega, con maior presenza neste escenario mundial. Até esta edición, só Mercedes Peón conseguira estar presente na exposición de músicas do mundo de maior impacto internacional. Desta volta, o sábado Davide Salvado mostraba a súa música de raíz, a tradición que chega con forza aos nosos días no programa oficial da Praza da Quintana mentras Uxía e Germán Díaz participaban na “Atlantic Connections” do Teatro Principal. Budiño era o encargado da gala inaugural na que tamén participou Mercedes Peón. 

Comentarios