Opinión

Feijóo sen tenza

Feijóo fica sen tenza neste monte comunal que é a lingua. No comezo da lexislatura que agora remata manifestou que o galego sería unha das súas prioridades.E cumpriu.

Feijóo fica sen tenza neste monte comunal que é a lingua. No comezo da lexislatura que agora remata manifestou que o galego sería unha das súas prioridades.

E cumpriu.

Nos primeiros meses derrogou o Decreto do ensino infantil, suprimiu a proba en galego nas oposicións, suprimiu as axudas á tradución en galego, afastouno dos formularios do SERGAS, e mesmo falou de modificar topónimos, na agradábel compaña do Sr. Negreira.

E seguiu cumprindo.

Derrogou o Decreto 124/2007, do 28 de xuño, polo que se regulaba o uso e a promoción do galego no sistema educativo, despois dunha consulta ás familias que pretendía lexitimar a política regresiva cara ao noso idioma previamente programada pola Consellaría de Educación.

Agora o TSXG di que aquilo non estivo ben feito.

A Consellaría replica dicindo que “as sentenzas do TSXG emitidas en relación cos recursos da Mesa pola Normalización Lingüística, da CIG e de Queremos Galego anulan dous parágrafos de dous artigos, é dicir, invalidan o 5% do tal do decreto, integrado por un total de 33 regulacións”

Vaia maneira de razoar! A nosa columna vertebral, a humana, ten 33 vértebras. Imaxinen que nos inutilizan a vértebra número 5, unha cervical e a número 12, torácica. Só representan o 5% da espiña dorsal dunha persoa mais, como serían as condicións de vida, poderíamos sobrevivir?

Tetrapléxica acaba de se tornar a política lingüística do PP.

Feijóo debería ser capaz de recoñecer que TSXG elimina o esencial do que é a espiña dorsal da súa política lingüística, dúas pezas fundamentais como son os artigos 5 e 12. Nada lles resta daquela idea da imposición do galego no ensino.

Mais non o ve.

Pola contra, a reacción é anunciar que non pasa nada, que un decreto eivado serve ben os seus obxectivos e que continuarán facendo o mesmo.

Xa non hai dúbidas de que non se axusta á legalidade que a Consellaría realice unha enquisa entre os pais e nais en Educación Infantil nin que o alumnado poida usar na aula a lingua da súa preferencia. Mais que importa, se o obxectivo do goberno Feijóo (tampouco lle botemos toda a culpa a el que Vázquez e Lorenzo teñen o seu aquel de responsabilidade) non é outro que a eliminación. Nin o sono lles quita. Acatamos a sentenza, din, mais pouco parece importarlles, como non lles importou antes o rexeitamento do decreto por toda a comunidade escolar, toda a oposición, a Real Academia Galega, o Consello da Cultura ou o Consello de Europa á hora de valorar un decreto que, a priori, se sabía fóra da lei.

O decreto xa non serve. Debe ser derrogado e se non for teremos que, máis unha vez, invalidalo socialmente. É a hora de levantármonos do chan, de non nos descoidarmos, porque a galeguización do sistema educativo, na expresión e nos contidos, planificando en función da nosa realidade nacional (e non en función dos intereses do Sr. Wert e do PP), das nosas necesidades culturais, técnicas e profesionais, é unha tarefa imprescindíbel e inadiábel. Ese ten que ser o noso compromiso, a nosa prioridade porque a prioridade del, de Feijóo,  xa a coñecemos: galego, si, mais eliminado mellor.

Comentarios