Feijóo carga contra o BNG polo seu acordo con Bildu e Vence chámalle submiso

Entrou en campaña Feijóo e o argumentario conservador apunta o BNG. O ataque, previsíbel, veu polo flanco do acordo do Bloque con Bildu. Vence contragolpeou chamándolle submiso por pedir a galegas e galegos que voten como "españois"-

mitin pp

A oferta de pacto non a dirixiu Feijóo a ninguén en concreto. Foi máis ben unha apelación retórica. "Un pacto para continuar a avanzar e non para dividir España nen para confundir a xente con debates fechados; para continuar a defender a democracia e non un pacto con Bildu", dixo.

Ese -o españolista- vai ser o discurso de Feijóo, ese é o de tentar ligar o BNG coa esquerda abertzale. Tinta de lura para fuxir das súas responsabilidades políticas como chefe dun partido acosado pola corrupción.

Feijóo tamén largou de esguello un torpedo a Beiras: o pacto que ofrece é "para traballar polo que preocupa os cidadáns e non un pacto con quen pide á xente que os apoie ás eleccións, mais que logo case non participa no Parlamento", dixo en alusión ao pretenso absentismo do líder de Anova.

Vence ve submiso a Feijóo

O corpo a corpo é bidireccional. Tamén o BNG o procura co PP. No mítin de Vilagarcía, Xavier Vence cargou contra Feijóo, despois de que o presidente da Xunta instase onte ás galegas e aos galegos a "votaren com españois".

Vence ve nesa apelación españolista de Feijóo unha proba evidente da súa submisión a Madrid e o seu "desprezo" a este país.

Lidia Senra, en Lugo

En Lugo, a candidata de AGE Lidia Senra reinterpretou o desexo de non retorno ao pasado formulado no comezo da campaña por Feijóo. "Non quere volver ao pasado porque non está disposto a parar a privatización e a destrución dos servizos públicos e a que se recuperen os dereitos perdidos", dixo.

Comentarios