Feijóo optou por disfrazar nunha remodelación de grande envergadura a destitución da conselleira de Sanidade, Rocío Mosquera, chamuscada pola nefasta xestión do Hospital Álvaro Cunqueiro de Vigo, e a separación de Rosa Quintana do departamento de Meio Rural, após a rebelión das tractoradas. Ao ceder estas dúas pezas no taboleiro, o titular da Xunta e presidente do PPdeGaliza revela que o partido que dirixe se acha á defensiva e que, agora si, é moi sensíbel á presión social. Non é de estrañar: é practicamente imposíbel gañar a maioría absoluta na Galiza sen a provincia de Pontevedra (ao alleamento de Vigo para o PP súmase a circunstancia inédita de que non preside a Deputación) e o PP non tería ningunha opción a recuncar se no meio rural se consolidar unha demanda de cambio político en Monte Pío.
O cadro político actual é moi desfavorábel para o Partido Popular, após a súa desfeita en Catalunya (apenas supera en 10 mil votos o score da CUP) e a emerxencia de Cidadáns. Neste contexto, Feijóo tiña dúas opcións. Ou emular o estilo dolce far niente de Rajoy ou aparecer hiper-activo e con capacidade para se arrepoñer á situación. No temperamento de Feijóo non está a calma zen do líder pontevedrés, así que o político de Os Peares optou por pasar á acción.
Feijóo transmite a mensaxe de que el si ten capacidade de reacción, cousa que Rajoy non
Supón isto indefectibelmente que Feijóo renuncia xa a toda opción a dar o salto a Madrid? Sería un erro interpretar a operación en termos de xogada fechada. Feijóo transmite a mensaxe de que el si ten capacidade de reacción, cousa que Rajoy non. En realidade, a día de hoxe o que si se dá por descontado, salvo surpresa monumental, é que Feijóo non será candidato nas xerais e que, consecuentemente, non será deputado no Congreso. Esta circunstancia debilitaría moito as súas opcións a relevar a Rajoy en caso de que unha derrota do PP descabalgase o seu actual líder. Certo, mais tampouco as eliminaría totalmente. Hai voces que sinalan que o Parlamento xa non é o centro da vida política e que Feijóo podería exercer de líder do partido sen ter un escano na Carrera de San Jerónimo. Outras, en troca, discrepan e apuntan que, descartada Soraya polo escaso predicamento orgánico do que dispón, na Cámara si estaría Pablo Casado, un perfil estilo Albert Rivera que podería funcionar como recambio.
Feijóo mete a sexta marcha e aproveita a remodelación para facer chiscadelas aos sectores sociais que agardan algo de respiro e de relaxación nas políticas de austeridade implementadas até o de agora
En todo caso, Feijóo mete a sexta marcha e aproveita a remodelación para facer chiscadelas aos sectores sociais que agardan algo de respiro e de relaxación nas políticas de austeridade implementadas até o de agora. Non é menor nese sentido a decisión de criar unha Consellaría de Política Social -fronte á cal coloca un dirixente con peso político, o ex alcalde de Ferrol José Manuel Rey Varela- e de aumentar o número de carteiras no seu goberno, que pasan de 8 a 10. Únase a isto a decisión de abonar parte da paga extra adebedada ás funcionarias e aos funcionarios para completar o debuxo dun PP que, vía incremento da débeda pública, é consciente de que a Administración debe gastar máis se quere darlle un empurrón á economía galega -que medra, mais a un ritmo moito menor do que a española- e con iso situarse en condicións de voltar a disputar a maioría absoluta.
Menos mal que nos queda Portugal?
Ollando para Portugal, o PP galego ten un sabor agridoce. Pode argumentar que con efeito a direita alí gaña as eleccións e está en condicións de facer goberno, mas ao tempo sabe que ese cadro político non é extrapolábel a Galiza. Aquí o PP ou ten maioría absoluta ou non vai gobernar. E aquí o PP, a diferenza do PSD, non ten un CDS-PP co que pactar unha coligazón eleitoral. Cidadáns -unha formación política que a estas alturas non ten nin candidato á presidencia da Xunta- en principio nen está nen se agarda por el.