Opinión

Feijóo non se descarta para nada

Feijóo está aquí, pode non estar en ningunha parte (política) nun mes (esas portas xiratorias) ou talvez pode anunciar a súa candidatura á Xunta ou talvez pode dar definitivamente o salto a Madrid. Todas as opcións están sobre a mesa. 

Sermos soubo esta semana dunha fonte próximo á súa contorna que Feijóo non renuncia ás súas opcións matritenses. Certo é que ten a mochila carregada de fotos incómodas (esas amizades perigosas), mas o contra-argumento dos feijonianos é: neste PP quen non as ten? A inevitábel rexeneración do partido -hoxe El Mundo até especula no seu editorial coa hipótese dunha refundación con cambio de siglas- non se poderá facer desde o nada: non é concebíbel que apareza adánico un dirixente ou unha dirixente sen nengunha mácula nun partido tan estruturalmente vinculado á corrupción como que é a primeira forza política do Estado en ser imputada como tal organización -como persoa xurídica- nun proceso xudicial.

Sermos soubo esta semana dunha fonte próximo á súa contorna que Feijóo non renuncia ás súas opcións matritenses

Ninguén pode prever o que poda acontecer co PP nas próximas semanas. Os indicios de descomposición son evidentes e remiten aos estertores da UCD. Xa hai dirixentes que abertamente defenden a súa abstención para viabilizar un goberno de coligazón PSOE-Cs. Nas próximas semanas talvez asistamos ao estreitamento do cerco arredor de Rajoy: forzalo a renunciar é o obxectivo. Aumentan as voces dentro a favor da pasaxe do partido á oposición como conditio sine qua non para a súa rexeneración.

Aí é onde Feijóo ve as súas opcións. Si, teño fotos na mochila. Si, o pasado sempre volta. Mais, como escrebeu Billy Wilder no final de Some Like it Hot (Con faldas y a lo loco, na súa versión española), ninguén é perfeito.

Comentarios