Feijóo dá por controlado o incendio do Barco

A Xunta desactivou o nivel 1 de emerxencia no incendio que comezou a sexta na parroquia de Santigoso, no Barco de Valdeorras, considerando que non hai riscos para os núcleos de poboación. Cando menos tres veciñ@s perderon as súas casas.

Núñez Feijóo, que se desprazou á zona, afirma que o lume está "controlado" e que podería quedar extinguido en poucas horas. A cifra definitiva de hectáreas calcinadas confirmarase nos próximos días, pero a provisional é de 1.200, o que o converte no maior incendio do ano. "Nos próximos días os servizos técnicos, como fan sempre, darán a superficie definitiva, xa que hai que facer todo o perímetro e o estudo xeotécnico da afectación total, dado que hai vaguadas e zonas difíciles de concretar"

As medidas que a Xunta emprendeu inmediatamente foron de tipo penal, centrando o problema do lume na suposta criminalidade. Feijóo anunciou que o Goberno galego xa lle propuxo ao ministro de Xustiza dúas actuacións de endurecemento das penas para @s supost@s incendiari@s: "pasar de penas de 5 a 6 anos, non só polo feito dun ano máis de privación de liberdade, senón porque a partir dos 5 anos pode haber prisión preventiva para os presuntos incendiarios. E, en segundo lugar, responsabilidade patrimonial, é dicir, que o autor dun lume forestal ten que pagar os custos de extinción e as propiedades afectadas".

Cando menos tres veciñ@s perderon as súas casas

"Estamos en contacto con tres veciños que perderon as súas casas e, nos próximos días, avaliaranse os danos que se produciron nas propiedades públicas, nas traídas de auga e noutras propiedades", anunciou tamén Feijóo.

Comentarios