A Xunta atragóase coa resolución que a obrigou á retirada dunha publicidade

A dirección xeral de Relacións institucionais e parlamentares remite un escrito ao órgano electoral botándolle as culpas de que tal información transcendese aos medios, pois xa en San Caetano decidiran en período de alegacións e "con carácter inmediado" asumir "as pretensións da demandante". O recurso apelando á retirada da campaña institucional presentouno o BNG

Nos corredores de San Caetano non senta ben que a Xunta electoral faga o seu traballo. E así llo fixeron saber nun escrito remitido esta quinta feira que asina o director xeral de Relacións institucionais e parlamentares, Gonzalo Ordóñez, en que manifesta "sorpresa" pola resolución en que se estima un recurso do BNG --presentado pola directora da campaña electoral, Montse Prado-- contra a campaña publicitaria institucional 'A Galicia do futuro depende de nós', resolvendo a súa retirada en virtude do disposto na Instrución 2/2011, da Xunta electoral xeral.

No documento, ao que tivo acceso este xornal, a formación conservadora quéixase de que o organismo resolvese igualmente o recurso de Prado --seguindo o procedemento habitual--, pois entenden que tal pronunciamento da Xunta electoral non cumpría ao asumiren na Xunta de Galiza "os desexos e pretensións da denunciante" e cesaren "con carácter inmediato" a campaña xa na fase de alegacións, 48 horas após presentar Prado a denuncia.

Así as cousas, o goberno culpa a Xunta electoral "da prolixa información que aparece na prensa" en relación ao pronunciamento que obrigou á retirada da campaña, e de que "non se recolla exactamente o sucedido".

Ao non tratarse dun recurso nin interferir este escrito no proceder habitual da Xunta electoral, esta decidiu arquivalo. Mais fontes consultadas advirten que a queixa, que chegou a ser cualificada de "impertinencia" durante a reunión do órgano electoral, si terá unha resposta.

Comentarios